A cita lembrou a xuntanza de nobres e prelados en defensa dos intereses de Galicia fronte ao que consideraron un desaire do rei Carlos I por excluílos das Cortes convocadas en Santiago // Foi no centro sociocultural Mingos de Pita TEXTO A. Prada

Melide celebrou un acto por mor dos 500 anos da Asamblea

Historia
Alba Prada
Recreación da Asamblea de Melide de 1520, elaborada por Alberto Taracido. Foto: C.C.G.

Onte celebrouse o cincocentos aniversario da Asamblea de Melide, tamén coñecida como Asamblea dos nobres e prelados do Reino de Galicia, que tivo lugar o 4 de decembro de 1520. Esta reunión xurdía a modo de reacción política ao que interpretaran como un desaire do emperador Carlos I de España, por telos excluído das Cortes convocadas en Santiago. Vintecinco nobres, poderosos e representantes das cidades e vilas do Reino de Galicia xuntáronse en Melide para pedirlle ao rei Carlos I o retorno do voto en Cortes para o país, que exercía a cidade de Zamora, xunto con outras importantes reivindicacións. Onte o centro sociocultural Mingos de Pita rendeu homenaxe a este feito histórico grazas ao traballo do Concello, o Consello da Cultura Galega (CCG) e o museo Terra de Melide. O acto contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o rexedor melidense, José Manuel Pérez, acompañado da Corporación municipal; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o catedrático de Historia Moderna da USC, Pegerto Saavedra; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, entre outras personalidades.

No seu discurso, Santalices eloxiou o labor daquel grupo de prelados e cabaleiros galegos que organizaran a Asemblea de Melide e reflexionou sobre o descoñecemento xeral da sociedade galega e española sobre a propia historia. Sinalou que, a causa disto, “é frecuente que os actos negativos ou lutuosos gañen máis notoriedade que as grandes fazañas do pasado”. Rescatou, como exemplo, o caso da enfermeira de Ordes Isabel Zendal, que no ano 1803 partira a América na Expedición Filantrópica da Vacina, que inmunizou contra a varíola en América e, desde alí, a outros territorios. Santalices aproveitou o seu discurso para convidar a impulsar, entre as entidades promotoras, unha publicación conxunta sobre a Asemblea de 1520. Para o presidente, a iniciativa axudaría a perpetuar a memoria desta parte indisoluble da nosa historia, legando “ás galegas e galegos do futuro un documento que, desde o rigor histórico, permita coñecer un pouco mellor o noso pasado”,dixo.

Durante o acto de onte soou o Himno da do Antigo Reino e leuse unha escolma das capitulacións, que son as actas que se conservan desta Asemblea. Tomou tamén a palabra Pegerto Saavedra para falar da relevancia deste feito. Entre outros acontecementos, no acto lembrouse que a raíz deste acontecemento, o rei Carlos I atendeu de maneira distinta as reivindicacións: concedeu a Casa de Especiaría, que iniciou as exploracións galegas ao Atlántico, e a Capitanía Xeral de Galicia, que iría a parar a Fernando de Andrade. Pero deu longas á concesión do voto, e ascendería “á búlgara” a Fernando de Andrade e o Arcebispo Fonseca para afastalos de Galicia. Non sería ata un século despois, en 1623, cando o conde-duque de Olivares concedería o dereito de voto en Cortes a Galicia, noutra operación política levada a cabo polas cidades e figuras influíntes do reino.

Por certo que o Consello da Cutura Galega creou con motivo da efeméride un espazo web (http://consellodacultura.gal/especiais/asemblea-melide/) no que hai unha reportaxe que dá as claves desta xuntanza e tres artigos contextualizadores. Un deles é de Pegerto Saavedra (USC), outro de Alfredo Presedo Garazo (UVigo) e un terceiro de Ofelia Rey Castelao (USC). Pode verse tamén unha ilustración de Alberto Taracido que recrea a histórica Asemblea, e detrás da cal existe un complexo proceso de documentación e concepción.