Ordes cambia as taxas das escolas de deporte e lecer

Deportes
O.D. Vilar
Mocidade practicando artes marciais nun Día do Deporte celebrado en Ordes. Foto: CDO

Ordes. O Concello de Ordes vén de publicar a modificación das taxas das escolas deportivas, culturais e de lecer, así como as actividades extraescolares, de ocio e tempo libre que realizan. Deste xeito, os novos importes xerais pasan a ser de 10 e 20 euros mensuais para as actividades de 1 e 2 horas á semana, respectivamente.

No caso de que dita actividade teña unha duración inferior aos tres meses o seu prezo pasa a ser de 2,5 euros á hora. Como adoita pasar, o desconto tanto por familia numerosa como por estar nunha situación económica de vulnerabilidade será do 50 %. Para as persoas maiores ou cunha discapacidade a partir do 33 % as cifras sitúanse nos 7,14 e 1,75 (hora) euros, respectivamente. E hai que ter en conta os 20 euros da matrícula en todas aquelas actividades que se desenvolvan polo menos nun trimestre.

Neste anuncio tamén se fai alusión ás taxas polas actividades extraescolares de 40 e 65 euros por curso se estas se desenvolven durante 1 ou 2 horas semanais respectivamente. E a ximnasia de mantemento para maiores terá un custo de 12 euros ao mes (máis 20 € de matrícula). ODV