Os arzuáns do futuro transforman a vila con xogos e creatividade

Durante a Semana Santa cubríronse todas as prazas da segunda edición deste proxecto que conecta aos máis cativos coa súa contorna
Educación
Alba Prada
Unha das actividades que se desenvolveron en Semana Santa no programa. Foto: C. Arzúa

Unha valoración moi positiva. Ese é o resultado das xornadas postas en marcha para a cativada durante a Semana Santa no marco do programa A vila do mañá. Un proxecto educativo e de divulgación que, en verbas do departamento de Cultura do Concello arzuá, “a través do xogo e da creatividade transforma o lugar que habitamos dando voz aos que habitualmente non a teñen; aos nenos e aos adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto”, sinalan fontes municipais.

A arquitecta Sandra González é a monitora e organizadora destas actividades que logran conectar aos máis cativos coa súa vila e que xa chegaron a varios municipios. Nesta ocasión o programa celebrouse os días 29, 30 e 31 de marzo e 1 e 5 de abril e nel participaron un total de trinta menores, completando todas as prazas convocadas.

Con esta iniciativa, que ao mesmo tempo serve para axudar á conciliación, “búscase tamén estimular unha actitude crítica dos máis novos para impulsar o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa”, apuntan,

Durante as cinco xornadas os participantes desfrutaron de propostas en espazos do casco urbano como a Praza de Galiza, o Multiusos Terra do Queixo, o aparcadoiro municipal ou a contorna da Escola Infantil. A concelleira de Cultura, Aurora Varela, apuntou que este proxecto oferta “un espazo de lecer diferente, creativo e sustentable que traballou a paisaxe e o entorno urbano do noso día a día”. Confirmou que o Concello “fará todo o posible” para darlle continuidade. A primeira edición de A vila do mañá foi en setembro.