Tordoia segue a pór en valor a vila a través do patrimonio e a súa historia

Nas redes amosaron este mes curiosidades dos batolitos e do dolmen de Cabaleiros
Patrimonio
Alba Prada
Imaxe do dolmen de Cabaleiros. Foto: C. Tordoia

Tordoia. Con ánimo de amosar a riqueza cultural, patrimonial e histórica do municipio, o Concello de Tordoia ten en marcha dende hai uns meses o programa Tordoia cultural, unha iniciativa que se desenvolve a través das redes sociais municipais e na que cada semana se aborda unha curiosidade distinta. Datos a propósito do concello que resultan reveladores incluso para a propia veciñanza.

Unha das últimas entradas desta iniciativa céntrase no dolmen, en concreto, nun retrato realizado no ano 1919 “por un dos fotógrafos modernistas máis importantes da época, Adolf Mas Ginestá, quen pretendía co seu traballo fotográfico espertar o interese pola restauración de monumentos e a conservación das obras de arte”, explican dende o goberno local.

“Nas fontes consultadas, xunto co retrato, catalogan ao dolmen como un dos máis emblemáticos de Galicia, destacando que se podía coñecer polos nomes de Casa da Moura, Couza do Cacheiro ou Casa dos Mouros.

A última curiosidade sinalada no marco da iniciativa Tordoia cultural é o chamado batolito. Trátase dunha masa de rocas intrusivas ígneas, da que non se pode observar o seu remate na profundidade.

Segundo sinalan dende o Concello, “unha das características máis peculiares da paisaxe de Tordoia está formada polos numerosos batolitos que conforman abrigos naturais”. En concreto, din, poden observarse no linde entre Xesteda e a parroquia de Bardaos, en entre as aldeas de Guillufe e Casaldabade. A.P.