Cantares da ‘Divina Comedia’

Isabel González

CHEGAMOS a finais de ano, un ano dedicado a Dante, e con el pensamos deixar tamén o tema. Na última columna quero ter un recordo para Darío Xohán Cabana, tradutor ao galego da Divina Comedia.

Antes de rematar digamos algo maís concreto da estrutura dos cantares: a Divina Comedia débese ler como unha suma do saber medieval, tendo en conta os tres cantares: Inferno, Purgatorio e Paradiso en conxunto.

Aínda que o Inferno sexa o canto máis estudado, non quere dicir que sexa o máis importante; todo o contrario, só se poderá entender e valorar a súa grandeza despois de ter examinado con cuidado os outros dous cantares.

Vexamos brevisimamente a estrutura tan perfecta do poema dantesco.

Inferno: É unha inmensa fosa, un cono ao revés que chega ata o centro da terra. Dividido en nove círculos concéntricos, onde están colocados os pecadores, ocupando sempre o lugar que lles corresponde segundo a lei do contrappasso: cada pecado é castigado segundo a culpa.

Todo o Inferno está privado de luz e hai unha sensación moi forte de “negatividade” porque as penas son eternas, e xa que logo, os condenados non teñen a mais mínima esperanza. Os temas fundamentais son a representación negativa do mal. O verdadeiro protagonista é o home, que vivía na terra escravo do vicio.

Un home tan comprometido como Dante, debe tratar o tema político, empezando por Florencia. O personaxe fundamental é o poeta Virxilio, a súa guía.

Polo que respecta á lingua, no Inferno hai unha grande variedade de rexistros lingüísticos. Fronte aos outros dous cantares, ten un forte colorido realista.

Purgatorio

Dante concibe o Purgatorio como unha estrutura especular simétrica á do Inferno: unha forma de cono exactamente igual á do reino infernal. Tamén está dividido en nove partes (gironi) onde están distribuídos os pecadores. No canto XVII Virxilio explícalle a Dante a base filosófica de tal distribución. Aquí os pecadores teñen esperanza porque saben que algún día subirán ao Paraíso.

Despois da escuridade total do Inferno agora empeza a verse algo de luz. Os temas fundamentais son o tratamento especial dos sentimentos do corazón. Tamén se trata o tema político; aquí referido a Italia.

Paraíso:

Na visión dantesca o Paraíso está formado por nove (cieli) e construído segundo o sistema tolemaico: é o sol o que xira arredor da terra, coas achegas de Averroes.

É o cantar menos comprendido porque se trata da poesía do abstracto, da inmensa plenitude da alma que se aveciña cando a mente e os sentimentos se unen nunha gloriosa contemplación.

É o cantar de Beatriz, o guía de Dante na ascensión ao ceo. Agora a luz é total e tampouco neste cantar falta o tema político, neste caso da doutrina do Imperio. Imos in crescendo do particular ao universal: Florencia, Italia e o Imperio.