Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dante tamén pensa en Galicia e no Apóstolo

Isabel González Fernández / Profesora e investigadora “ad honorem” . Exdecana de Filoloxía da USC

Parece que a Divina Comedia orbitará no firmamento, e será o primeiro libro que gravitará no espazo infinito. Non nos estraña en absoluto porque a obra ten méritos abondos. Sábeno moi ben os italianos e por iso comezan a estudar a obra desde a escola.

Este ano non só en Italia senón no resto do mundo, exáltase a figura de Dante Alighieri considerado, por boas razón, o pai da lingua italiana e a base de todo o seu sistema literario. De feito, a súa obra máis coñecida e universal, a Divina Comedia, segue sendo ao cabo de setecentos anos un instrumento poderoso na formación estética dos cidadáns de lugares ben distantes do mundo actual en culturas alleas ao patrimonio cultural italiano. Basta lembrarse do significado atribuído ao adxectivo dantesco que, por certo, na maioría das veces, úsase mal.

É unha verdadeira mágoa que non conservemos ningún manuscrito autógrafo, de xeito que toda a súa obra foinos transmitida por rendidos devotos do seu xenio. Non é necesario dicir que a Comedia foi case na súa totalidade obra do exilio. Dante dedicoulle unha grande parte da súa vida, máis de vinte anos, porque xa comezou a pensar nela bastantes anos antes do exilio (1303-04) e nela continuou a traballar ata a súa morte.

Como acabamos de suliñar, os filólogos sabemos que o poeta foi o pai da lingua italiana porque aproximadamente o 60 por cento do vocabulario actual italiano xa está na obra de Dante. A pura interpretación léxica da obra esixe uns coñecementos lingüísticos activos que non están ao alcance de todos.

A medida que pasan os anos e os séculos, as dificultades aumentan porque, entre outras moitas cousas, o mundo de Dante na Comedia, influído por visións doutras culturas, é certamente persoal pero responde a unha cosmovisión plenamente medieval, máis aínda, é unha das súas máis preclaras manifestacións, por iso o lector, especialmente o non italiano, necesita de traducións, introducións, comentarios, paráfrases e abundantes notas de carácter lingüístico, literario, e sobre todo, histórico, especialmente os cantos do Inferno, cheos de feitos e personaxes lonxe dos coñecementos actuais, incluso dos especialistas do ramo, razón pola cal, contamos con diversas propostas ofrecidas polas editoriais máis importantes que teñen a gala ofrecer a “súa” edición da Divina Comedia.

Todos nos sentimos debedores dalgún xeito e por moitas razóns do escritor florentino a da súa inxente obra. Consciente da dificultade da obra, na que están presentes todos os aspectos do saber humano: xurídicos, filosóficos, teolóxicos, políticos, etc. por non falar da cultura clásica, e tendo moi presentes estas premisas, eu mesma preparei xa hai anos unha “Guía a la lectura de la Divina Comedia”, tratando de axudar aos curiosos - non especialistas- a coñecer un pouco mellor a obra. Co mesmo obxectivo de divulgación, dedícolle no xornal “El correo gallego” 12 columnas, unha por cada mes deste ano, para conmemorar o sétimo centenario da súa morte.

Penso que aínda dunha maneira absolutamente abreviada e sinxela, era necesaria esta introdución. Agora queremos sinalar xa o mérito de Dante no referente a Galicia e a Santiago. Aparte do dato curioso de que Tana, posible media irmá de Dante, púxolle a súa filla o nome de Galizia, polo que fai referencia a Galicia e as peregrinacións a Santiago de Compostela, foi Dante na Vita Nuova obra poética máis importante do s. XIII, o primeiro en diferenciar claramente os peregrinos dos palmeiros (os que van a Xerusalén) e dos romeiros (os que van a Roma): “E dissi ‘peregrini’ secondo la larga significazione del vocabulo; chè peregrini si possono intendere in due modi, in uno largo e in uno stretto: in largo, in quanto è peregrino chiunque è fuori de la sua patria; in modo stretto non s’intende peregrino se non chi va verso la casa di sa’Iacopo o riede”.

Non nos podemos deter agora a pensar na excelencia e fermosura do soneto “Deh peregrini che pensosi andate”, pero o poeta si é digno de admiración e mais aínda para os galegos, particularmente para os composteláns, o feito de que Dante lle conceda a maior importancia á peregrinación a Compostela. En efecto, di que dunha maneira xeral, peregrino é todo aquel que está lonxe da súa patria, pero que realmente peregrino é só aquel que “va verso la casa di sa’Iacopo e riede”.

E engade que se queremos falar con propiedade e precisión, temos que saber que existen tres modos de definir aos que peregrinan: os palmeiros “in quanto vanno oltremare”; romeiros porque van a Roma -sería o caso dos peregrinos que pasaron por Florencia-; pero peregrinos son unicamente “os que “vanno a la casa di Galizia, però che la sepultura di sa’Iacopo fue più lontana de la sua patria che alcuno altro apostolo”. Coloca, xa que logo, a Compostela por diante nada menos que de Roma e Xerusalén, que como todos sabemos, son as cidades santas de peregrinación por excelencia do catolicismo.

E non só iso, Dante concédelle á nosa patria e particularmente ao noso Apóstolo unha relevancia tal que no canto XXV do Paradiso, un canto fundamental para o poeta porque nel recoñece que para el xa non haberá regreso a Florencia, trátase unicamente dunha viaxe de ida. Neste canto coloca a Santiago, un dos discípulos predilectos de Xesús, a carón dos outros dous santos máis importantes, San Pedro e San Xoán, e no seu diálogo con Beatriz esta refírese a el como “il Barone per cui là giù si vicita Galizia”.

24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito