Dante, os primeiros estudos

Isabel González

SABEMOS pouco da formación cultural de Dante. É lóxico pensar que, co-
mo todos os nenos da súa clase social, fora á escola elemental cun mestre doctor puerorum contratado pola familia para que aprendese a ler, escribir, algo de contas e rudimentos de latín.

O latín era a única lingua que se podía estudar na escola porque era a única que tiña unha gramática escrita. Dante coa súa intelixencia e previsión estaba persuadido de que o latín era unha lingua que, a diferencia das outras linguas faladas, era invariable e que, xa que logo, permitía comunicarse fóra dos confíns nacionais. Esa, entre outras, foi a razón pola que nun principio estudou o latín indispensable para ler, por exemplo, a Biblia e os autores clásicos.

Xa cumprira os 25 anos, como el mesmo nos di, cando despois da morte da súa amada, para consolarse, empezou ler a Boecio e a Cicerón; non era capaz de entendelos pero como lle resultaban atraentes os temas que trataban, decidiu empezar os estudos de filosofía.

O amor pola filosofía (ciencia que nese momento abarcaba moitas cousas), que Dante imaxinaba como unha “donna gentile”, foi tan grande, que en pouco tempo “forse di trenta mesi”, fixo que abandonara calquera outra cousa .

Sen dúbida na adolescencia tivo un doctor gramatice, que lle ensinou un latín máis avanzado. Bruneto Latini –que foi despois o seu mestre de re-tórica– instruíno nos segredos do l’ars dictaminis, pero ensinoulle algo moito máis importante e definitivo e que Dante tivo moi presente durante toda a súa vida: un autor a través das súas obras literarias pode acadar a inmortalidade.

Orfo de pai, e tendo algunhas rendas, puido dedicarse ao que lle gustaba. Foi daquela cando se trasladou a Boloña, como nos conta Boccaccio “Dante cominciò gli studi nella propria patria, e di quella, sì come a luogo più fertile di tal cibo, n’andò a Bologna” para perfeccionar os seus estudos, e sobre todo a arte da retórica, como di o cronista Giovanni Villani “retorico perfetto tanto in dittare, versificare, come in aringa parlare”.

A partir deste momento, Dante continuou estudando sen parar ata tal punto que se deu conta que lle bailaba a vista: “...debilitai li spiriti visivi che le stelle mi pareano tutte d’alcuno albore ombrate” polo que se viu obrigado a pasar moitas xornadas na escuridade botando auga fría nos ollos para sandar.

Desgraciadamente non coñecemos con certeza nada da súa biblioteca nin dos libros que leu, e ata agora ninguén foi capaz de facelo porque as súas citas non eran de primeira man senón de compendios, antoloxías ou enciclopedias en circulación nesas datas. Como tantas veces, non queda máis remedio que ler a Divina Comedia. Sabemos, por exemplo, polo canto IV do Inferno que coñecía os poetas clásicos, entre outros, Homero, Ovidio, Estacio, Lucano e por suposto, Virxilio.