Mantelo

Isabel González

TEMOS falado aquí da notable variedade que presenta o léxico italiano naquelas diferentes zonas xeográficas peninsulares debido a usos lingüísticos anteriores á implantación do italiano como lingua nacional. Vimos o divertido caso de marinare latar. Hoxe ímonos referir, ilustrando e precisando o anterior, a designación dunha prenda de uso ben común, o familiar mantelo lugués, o grembiule, esa prenda externa que se anoa á cintura e ás veces tamén ao pescozo, cando queremos protexer a indumentaria que levamos posta para non enfarnarnos por diante. Úsase normalmente en traballos domésticos –case sempre para cociñar–, ou noutras tarefas manuais que precisen desa protección.

Trátase, xa que logo, do mantelo ou mandil (en castelán delantal, o que vai por diante) con peto ou mesmo sen el, que se ata á cintura ou colga do colo. As variantes máis usuais para nós son cinguidoiro, lenlla, mandil ou mantela como se ve no Atlas Lingüístico do galego. Deixamos para mellor ocasión falar das outras acepcións de mantelo (peza do vestiario feminino que se leva sobre a cabeza e que cobre as costas completamente ou só en parte), cos sinónimos lenlla, mantela, incluso mantilla, que evoca o mantiglia como di a canción campesina: “per la prima volta andrìo in sagra con una mantiglia nuova” por vez primeira vou ir á romaría cun mantelo novo.

Centrémonos agora na peza de roupa para non mancharnos. En italiano é, dixemos, o grembiule, de uso xeral, o que se aprende na escola. Ao seu lado, a xeografía lingüística rexistra como unha ducia de palabras para se referir á mesma peza de roupa. Vexamos algúns dos seus sinónimos.

Segundo Dialettando.com (web máis manexable que un atlas lingüístico) o termo máis común é grembiule que está espallado
por toda Italia e que serve tamén para o noso mandilón; se se trata de meniños é o grembiulino, babi ou bata. A variante grembiale úsa-se na Emilia Romaña, na verten-
te adriática, pero que curiosamente é tamén moi frecuente en Córcega, no oposto Tirreno. A base é grembo, propiamente o que colle no regazo, a regazada, a forma preferida na Toscana.

Abranguendo toda a costa adriática é de moita rentabilidade a palabra zinale; mantile que se usa na Apulia e algo na Emilia Romaña. Mantessino síntese na Campania (Nápoles), traversa, coa variante travierse emprégase no Véneto; parannaza ou parannansa é común nas Marcas e pola zona de Urbino. Na illa de Sicilia é moi abundante ou, mellor dito, case exclusivo, o termo fantale ou falare. O Atlante della Lingua italiana quotidiana da algunhas variantes máis con menos rendibilidade que as formas anteriores: davantàbile, pannella (Marcas), pannelo (Toscana), faudal (Turín), scorsalina (Venecia).

Para as nosas consideracións servímonos, case sempre, dos
dicionarios presentes en linia
(sen ir aos atlas lingüísticos, moito máis precisos e científicos), porque pretendemos unicamente mostrar algunha curiosidade léxica no mosaico italiano, produto de diversas capas lingüísticas. Algúns escritores, por amor á lingua dos seus antergos, adoitan usar dialectalismos da súa propia lingua familiar –case un léxico familiar da escritora Natalia Ginzburg–. A presencia destas formas particulares en escritores de tipo realista ou verista obriga á consulta de dicionarios dialectais, a menos, claro, que se trate dunha edición anotada.

É moita a diversidade, a fragmentación? Non tanta como podería parecer: pouco máis dunha ducia de termos para unha superficie de 300.000 km cadrados e para 60.000.000 de falantes. Media ducia de termos xa os temos no atlas e dicionarios do galego para algo menos de 30.000 km cadrados e menos de 3.000.000 de posibles galego falantes. Redondeamos os números para una doada comparanza. A distancia, pois, parece aumentar a diversidade.