O sorriso de Maquiavelo

Isabel González

TENSE falado moito do pensamento político de Maquiavelo, ata tal punto que moitos considérano o pai do pensamento político realista. Moitas páxinas se teñen escrito sobre a súa obra mestra, O príncipe. O que sabemos de certo é que o gran escritor italiano renacentista posuía unha personalidade complexa, sobre todo, canto se entretece a súa vida pública coa privada.

O outro día tratando de organizar un pouco a miña biblioteca, atopei no estante dedicado a Maquiavelo un libro de Maurizio Violi, profesor da universidade de Princeton: Il sorriso di Niccolò que xa moitos anos atrás –cando eu explicaba literatura italiana do Renacemento– parecérame moi curioso como demostra o feito de que o tiña moi suliñado.

Viroli confesa que lle fascina o sorriso de Maquiavelo, o seu modo de rirse da vida e dos homes a pesar de que lle tocou vivir nunha Florencia gobernada pola familia Medici, creadores dunha institución financeira que durante o século XV foi o banco máis grande e de maior reputación en Europa.

Unha Florencia que Maquiavelo, por unha parte, amaba pola súa beleza, arte e arquitectura, pero que por outra, odiaba precisamente polo cinismo e egocentrismo dos gobernantes. Primeiro co goberno da República que o acusaba de simpatizar cos Médicis e logo co regreso dos Médicis, que o culpaban de simpatizar co goberno da República, o caso e que foi acusado de traizón e incluso enviado ao cárcere.

Pese a todo, como nos demostran algúns dos seus sonetos, a Maquiavelo nunca lle gustou que os inimigos o viran triste e preocupado. Non quería que os adversarios o viran derrotado e por iso, mostraba todo o contrario, conservando sempre un sorriso nos beizos. Sorriso debido máis ao desencanto que ao cinismo. Naturalmente pide piedade pero faino sempre sorrindo. Sufre, co corazón cheo de rencor, pero non o demostra.

En primeiro lugar rise de si mesmo, pero tamén da situación que non era outra que a de verse tratado inxustamente, torturado e na cadea. Pero non quere que o vexan sometido, e moito menos aqueles que pretendían que cambiara de idea e que se mostrara respectuoso e humilde e, en definitiva, que pensaran que era outro home do que en realidade era, como nos dan testemuña algunhas das súas cartas.

Sorride e non suplica, e conserva un espírito animoso, de xeito que cando sae do cárcere, Maquiavelo segue a ser o mesmo home que o que entrara: dentro e fóra conservaba o sorriso.

Se queremos ver isto, non temos máis que contem-
plar a pintura de Santi di
Tito
, no Palazzo Vecchio de Florencia.