de reducir o CO2 e aumentar o uso de fontes de enerxía renovables TEXTO S. S.-M.M.

Accións dende Ribeira e Ames polas emisións contaminantes

Suso Souto
PACTO. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, dereita, en xaneiro do ano pasado na presentación do Pacto dos Alcaldes polo Cambio Climático na lonxa local. Foto: S. S.

O Concello de Ribeira vén de dar un significativo paso encargando a elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACE), é dicir, a folla de ruta que vai marcar o camiño cara á redución das emisións de CO2 baixo a premisa da diminuír consumos enerxéticos e emisións de gases de efecto invernadoiro. A administración local adheriuse en xaneiro do ano pasado ó Pacto dos Alcaldes polo Cambio Climático, a ambiciosa iniciativa europea que persegue ese obxectivo. E, pola súa banda, o Concello de Ames presentou a II Semana Europea da Mobilidade, con el lema Por unha mobilidade sen emisións, e a campaña de redución de velocidade titulada A 30 Ames é máis!

No que atinxe ao concello barbanzán, o documento será redactado pola empresa especializada Iceacsa Consultores S.L. e incluirá entre outras as seguintes tarefas: a cuantificación das emisións no territorio municipal a través dun inventario de emisións de referencia (IER); a avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticas (unha análise que determine a natureza e alcance do risco ao que está sometido Ribeira mediante a análise dos perigos potenciais e a avaliación das vulnerabilidades que poden poñer en risco ás persoas, propiedades, sustento ou ao medio ambiente do que dependen; o Plan de Acción de Mitigación (que recollerá unha proposta de medidas para chegar a cumprir os obxectivos en eficiencia enerxética, enerxías renovables, mobilidade sostible e concienciación, indicando prazos, responsabilidades, inversións estimadas, medidas de financiamento, indicadores e cálculo dos impactos); e o Plan de Adaptación (que proporá unha serie de medidas de adaptación, coa fin de reducir os impactos negativos a un nivel aceptable ou evitar que incrementen cos anos).

A adhesión da Corporación ribeirense ao Pacto dos Alcaldes polo Cambio Climático entraña, entre outros compromisos, o de reducir as emisións de CO2 en polo menos un 40 por cento ata 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovables, así como o de traballar na promoción de medidas para a adaptación ao cambio climático mediante a creación de plans de acción en favor da enerxía sostible e o aumento da resiliencia ante o mesmo.

E na capital maiá, pola súa banda, desenvolverán tanto a campaña de mobilidade sotible como a de velocidade do 16 ao 22 deste mes. O programa comeza coa charla Querémoste seguro, que está dirixida ás persoas maiores –no local dos xubilados do Milladoiro o vindeiro día 17 ás 18.30 horas– e durante a próxima fin de semana haberá unha marcha ciclista nocturna (día 18, ás 22.00 horas); actividades e xogos populares (día 19) en bici e unha andaina pola senda O Milladoiro-Bertamiráns (o día 20, ás 10.00 horas). Para participar nestas actividades é necesario inscribirse previamente mandando un email (a mobilidade@concellodeames.gal).

E xa no marco do fomento da mobilidade sen emisións, presentouse a campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas do concello, o que aparte de na seguridade, vai repercutir nun aforro enerxético e redución de emisións.