“Os novos perfís profesionais téñense que incorporar pouco a pouco á oferta docente”

Comunicación
Lorena Rey
Ana Isabel Rodríguez cree que a comunicación e o xornalismo son valores que teñen grandes oportunidades en sociedades como a actual. Foto: Santi Alvite

Que lle pareceu ser elixida decana co 100 % do voto emitido nas eleccións celebradas o pasado 12 de maio?

Unha gran responsabilidade se cabe máis engadida pola confianza que demostraron os compañeiros e as compañeiras da Facultade. Teño que agradecer moi sinceramente ese apoio recibido.

Cales foron as maiores dificultades ás que se afrontou a Facultade de Comunicación durante os dous anos de pandemia?

Dentro dos aspectos que son comúns a todo o sistema universitario en xeral, no galego en particular e a USC no seguinte estadio, no que foi a Facultade de Ciencias de Comunicación destacaría un primeiro aspecto moi positivo que foi o diálogo permanente que se mantivo sempre entre os órganos de Goberno e o alumnado. Foi momento de abrir canles de comunicación moi directas para entre todos ir improvisando unhas novas formas de impartir docencia. Dentro deses cauces, o principal problema foi esa adaptación que todos tivemos que asumir de materias que se impartían nuns laboratorios que precisaban de certos equipamentos. Gracias ao esforzo de todos buscáronse alternativas e nese sentido pensamos que se solventaron as dificultades do mellor xeito posible. En definitiva, destacaría ese traballo conxunto que se realizou entre alumnado, PDI e PAS.

Cales definiría como os principais retos para os vindeiros catro anos?

O mundo síguese movendo e a veces moi rápido. Os maiores retos seguen estando en continuar adaptándonos ao que é o día a día dos estudos universitarios, das demandas que nos fai o estudantado e o propio profesorado, ademais da sociedade. Polo tanto, hai uns eixos moi claros nos que traballar.

En primeiro lugar, recuperar esa presencialidade e ese pulso que viña sendo o estilo de docencia anterior á pandemia e tamén a presencialidade vencellada a facer vida, a que o alumnado se implique na organización de actividades que sexan de interese para complementar a oferta docente. Nestes momentos estamos implementando os novos plans de estudo co principal obxectivo de aproximarnos ás demandas das empresas de comunicación de hoxe en día. A tecnoloxía no proceso de comunicación levounos a ter que entender que se abren novos perfís profesionais e novos horizontes, que se teñen que ir incorporando pouco a poco ás ofertas dos graos en comunicación e en xornalismo, ao doble grao e ao máster.

Para asumir o anterior é moi necesario o relevo xeneracional no profesorado. Con esa demanda que temos de ir adaptando as circunstancias tecnolóxicas ao que requira o sector necesitamos cadros de profesorado que estean moi implicados nesa labor de actualización permanente. Nese sentido contamos cun gran capital humano neste momento tanto por parte de profesores catedráticos, titulares, axudantes doutores e contratados doutores e tamén asociados. É un centro no que se foron producindo, como en todas as facultades da USC, moitas xubilacións nos últimos anos e precisamos que esas prazas se repoñan. Tamén son necesarios reforzos a nivel administrativo.

Con todo o anterior o que procuramos é mellorar a calidade o máximo posible. Os sistemas de garantías de calidade son cada vez más importantes e estámolos atendendo o máis directamente que podemos. Nese sentido contamos coa axuda de figuras colaboradoras do equipo decanal como son os coordinadores das titulacións ou coordinadores de cursos e tamén os alumnos titores e delegados de curso. Entre todos traballamos para ir coñecendo cales son as problemáticas que van xurdindo co obxectivo final de mellorar a calidade docente.

Que nos diría da internacionalización e das infraestruturas?

Esta Facultade ten moitas redes tecidas con investigadores e profesionais nos ámbitos galegos e a nivel nacional e internacional, especialmente no ámbito lusófono. Gustaríanos aproveitar as experiencias de internacionalización para reforzar o tecido de proximidade no sector e establecer sinerxías de colaboración entre as empresas de comunicación e xornalismo e a propia universidade.

E sobre as infraestructuras temos que seguir nesa liña de mellorar tecnoloxicamente para que a oferta formativa sexa acorde. Esta facultade ten xa vinte anos de vida e temos que ir renovando. Contaremos coa renovación do estudo virtual e a dixitalización do plató dous de Televisión. Pouco a pouco iremos reforzando.

A Facultade ten proxectos de investigación en marcha?

Temos uns grupos de referencia competitiva e de calidade no sistema universitario galego que son o grupo Novos Medios e o grupo de Estudos Audiovisuais. Ambos teñen proxectos activos e na actualidade estanse reforzando a nivel de publicacións. A Facultade nos últimos anos deu un paso moi importante xa que se levaron a cabo diversos proxectos en colaboración con outras universidades vencellados a liña do audiovisual, cinema ou cibermedios nativos dixitais, entre outros. Todas as publicacións de referencia están a dispor da xente.

Por outra banda, estamos colaborando tamén en transferencia coas empresas e temos proxectos de colaboración nos que están implicados directamente empresas ou o propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Esas vías de vencello entre a investigación e a liña de transferencia cara o sector é algo que queremos reforzar na medida das nosas posibilidades. Por aí tamén estará outro dos grandes retos que teremos que afrontar nos próximos anos.

A saída profesional dos comunicadores e xornalistas en Galicia.

Este asunto está vencellado con todo o anterior. A filosofía base da renovación dos plans de estudo está nesa liña estratéxica de intentar ofrecer ao sector profesionais ben formados con capacidades que estean na liña das demandas do xornalismo e da comunicación de hoxe en día.

Creo que temos outro valor na Facultade que é o noso programa de prácticas que ven sendo un dos principais baluartes que tivemos nos últimos anos que permite ao alumnado reforzar as prácticas que se fan dentro da Facultade cos propios medios a partir do terceiro curso. Con eles estamos a ter un traballo codo a codo e que resulta de grande interese para ambos.

Somos conscientes das dificultades que teñen na actualidade as empresas xornalísticas pero intentamos ofrecer o mellor desde o noso ámbito, que é a formación, con novos perfís profesionais procurando que o alumnado vaia adquirindo as competencias necesarias. A comunicación e o xornalismo son valores que teñen grandes oportunidades en sociedades como a actual onde unha boa información é indispensable. Para iso necesitamos ter uns moi bos profesionais para así enriquecer á sociedade.