Diego Roel presenta en Rianxo a obra gañadora do premio de poesía Loewe

O poeta arxentino Diego Roel presentará o xoves 18 ás 20.30 horas no auditorio de Rianxo a obra coa que vén de gañar o XXXVI Premio Internacional de Poesía Fundación Loewe: Los cuadernos perdidos de Robert Walser. Roel, nado en Arxentina en 1980, é neto de rianxeiros, e a súa bisavoa era curmán de Castelao. O galardón está dotado con 30.000 € e nesta edición presentáranse 2.302 poemarios procedentes de 44 países (un 49% dos autores son españois).

A obra de Diego Roel rende homenaxe ao autor suizo Robert Walser. O poeta, que se dedica a impartir talleres de escritura creativa, tamén gañou en 2020 o Premio Alegría do Concello de Santander pola obra Andréi Rubliov.