Boiro dedica máis de 42.000 euros a mellorar servizos e accesos á praia de Mañóns

Xunto cos pavimentos vaise realizar a canalización de pluviais

O Concello de Boiro saca a licitación as obras para a mellora dos servizos e dos accesos á praia de Mañóns. O proxecto de execución da actuación ascende a 42.514,26 euros e vaise levar a cabo mediante o Plan de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña.

A finalidade da obra que se pretende acometer é mellorar o firme para xerar un percorrido accesible e seguro á praia de Mañóns, así como canalizar as pluviais eliminando o pozo aberto e que, nestes momentos, xera problemas de seguridade viaria.

Vaise actuar na renovación do pavimento asfáltico da vía de acceso, dunha lonxitude de 180 metros e un ancho de 8 metros.

O proxecto contempla tamén xerar beiravías de 5 metros de ancho a cada lado da vía, de chan compacto de area-cemento, para facilitar o estacionamento e accesibilidade ao areal.

Xunto cos pavimentos vaise realizar a canalización de pluviais que percorren pola beira oeste, para mellorar a seguridade de uso da vía.

Os pregos para a licitación están dispoñibles para a súa consulta na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata vindeiro día 16 de abril, segundo informa o Concello.