A Pobra pon o foco no valor ambiental da contorna cun fin terapéutico

A semana pasada desprazáronse ata a contorna das Xunqueiras para contemplar a flora e fauna

Pardavila, esquerda, Cerecedo e Rial

Pardavila, esquerda, Cerecedo e Rial / CEDIDA

Persoas usuarias do Centro de Atención á Discapacidade da Pobra, tanto do servizo de atención temperá coma do centro ocupacional, atópanse inmersos nun proxecto educativo de carácter medioambiental que pon o foco na contorna como elemento terapéutico. Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro dun convenio coa empresa DS Smith Cartogal, que aporta preto de 5.000 €. Na entrega do donativo participaron José Ramón Pardavila, representante da firma; a edil de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo; e a directora do centro, Julia Rial.

Actividades sensoriais e de orientación, xogos de control e equilibrio, observación de aves, taller de xardinería ou a aprendizaxe sobre as tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) son algunhas das propostas que se realizarán ata finais de ano cunha terapeuta ocupacional especialista en integración sensorial, co apoio do equipo profesional do CAD.

Por exemplo, a semana pasada desprazáronse ata a contorna das Xunqueiras para contemplar a flora e fauna e recolectar recursos para traballar despois nas aulas. Séguese unha metodoloxía baseada en tratamentos individualizados e grupais, de forma lúdica, explorando o mundo sensorial e emocional no medio natural, segundo a directora do CAD, Julia Rial.