Mar de Fábula organiza unha recollida de pélets na praia das Salseiras para o domingo

A asociación di que non proceden de barcos, senón de terra, e que hai que investigar a súa orixe

Redacción

A asociación Mar de Fábula, creada en 2014 co propósito de realizar limpezas nas praias e coídos de todo o litoral de Galicia, fixo un chamamento a todas as persoas voluntarias dispostas a participar o vindeiro domingo día 7 na limpeza da praia das Salseiras de Caión (A Laracha) e na recolllida dos pélets de plástico “que de maneira crónica veñen contaminando por milleiros ese areal”, sinala.

“Non son pélets plásticos procedentes dalgún dos moitos barcos portacontedores que pasan polo Corredor Marítimo de Fisterra, senón pélets que veñen de terra firme, milleiros deles, dos que cómpre investigar, dunha vez por todas, cal é a súa orixe”, explica.

Mar de Fábula sinala que “se todas as alarmas soaron nas nosas praias neste comezo de ano pola vertedura de pélets dun só contedor, non podemos ficar impasibles diante desta agresión ambiental, calada, crónica, da que ninguén fala, desta materia prima perdida por algunha fábrica e que chega mesturada con multitude de microplásticos secundarios e residuos hixiénico-sanitarios, intoxicando a fermosa praia das Salseiras dende hai moitos anos”.

A efectos das cobertura obrigatoria de seguro para accións de voluntariado ao aire libre, cómpre anotarse, antes das 12.00 horas do sábado, con nome, apelidos e DNI no correo info@mardefabula.gal.

O punto de encontro é o aparcamento sito a carón da praia.