Laxe dixitaliza os recursos turísticos valéndose da realidade aumentada

Contén 50 ítems nos que se recolle información sobre os diferentes recursos naturais

Paseo marítimo de Laxe

Paseo marítimo de Laxe / ECG

A concellería de Turismo de Laxe aposta pola dixitalización da información relacionada cos recursos turísticos, tanto naturais como culturais, a través da posta en marcha dunha aplicación de realidade aumentada. A app xa está dispoñible para dispositivos móbiles iOS e Android co nome Laxe AR.

Contén 50 ítems nos que se recolle información sobre os diferentes recursos naturais, como praias ou a lagoa e os Penedos de Traba, e culturais, como igrexas, pazos, o faro de Laxe, muíños e cruceiros. Así mesmo, contempla dez rutas que permiten ás persoas usuarias achegarse á singularidade dos referidos recursos turísticos do territorio laxense.

O proxecto é unha solución baseada na realidade aumentada que pretende poñer en valor os puntos de interese mediante a detección de superficie e o xeoposicionamento a través do teléfono móbil. O alcalde, Francisco Charlín, asegura que “esta aplicación permitiranos dar a coñecer máis a fondo o patrimonio natural, histórico e cultural do noso concello, que é moi amplo, e facilitará o acceso á información para todos os visitantes que queiran coñecer cada un dos nosos recunchos”.

Laxe súmase así aos concellos e destinos turísticos que fan unha aposta decidida polo emprego das novas tecnoloxías.