Drons e intelixencia artificial para poder evaluar o estado dos ríos

As aeronaves non tripuladas analizan estes días a ribeira do río Anllóns, na comarca de Bergantiños, a vista de paxaro // Trátase dun sistema integral e novedoso de información hidrolóxica para a xestión avanzada dos recursos

Os drons, como o que sobrevoa o río en primeiro plano, traballan estes días no Anllóns, en Bergantiños.  xunta

Os drons, como o que sobrevoa o río en primeiro plano, traballan estes días no Anllóns, en Bergantiños. xunta / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, está a avanzar na utilización de drons para facilitar a recompilación de datos dos ríos e avaliar o estado das masas de auga na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Os técnicos están a levar a cabo nestes días a supervisión dunha proba de campo con avións non tripulados en varios treitos dos ríos da demarcación de titularidade da Xunta, centrándose nestes últimos días na ribeira do río Anllóns, na comarca de Bergantiños.

Neste caso, están a utilizarse drons con tecnoloxía LIDAR para sobrevoar a zona e os datos recompilados serán procesados para identificar parámetros hidromórfolóxicos do río que faciliten a avaliación do estado das masas de auga analizadas, identificando obstáculos, vexetación de ribeira ou outro tipo de presións ás que podería estar sometido o río.

Os técnicos valorando os datos recollidos polos drons.   Xunta

Os técnicos valorando os datos recollidos polos drons. Xunta / REDACCIÓN

Augas de Galicia realiza periodicamente a avaliación de estado das masas de auga, que actualmente implican un importante traballo en campañas de campo, onde os técnicos teñen que recompilar todos os datos necesarios in situ. Deste xeito, o emprego de drons facilita recoller estes datos en zonas de difícil acceso ou nas que se necesite unha visión máis global, o que suporá unha mellora substancial, tanto na calidade das avaliacións como no tempo de realización.

Esta solución tecnolóxica enmárcase no reto 1, sistema integral de información hidrolóxica para unha xestión avanzada dos recursos hídricos, do proxecto Innovaugas 4.0 impulsado pola Xunta. Neste caso, perséguese o desenvolvemento, implantación e validación dunha infraestrutura tecnolóxica integrada para recompilar, procesar e interpretar datos que permitan agregar e explotar toda a información existente procedente de distintas fontes, co fin de facilitar a toma de decisións adecuadas a curto, medio e longo prazo.

En concreto, a solución que se está a levar a cabo baixo a proposta da UTE formada por Viaqua, Xestión Integral de Augas de Galicia e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia permitirá a xestión integrada dunha inxente cantidade de datos procedentes de fontes moi diversas, como son os datos históricos e as predicións de precipitacións, de temperaturas, resultados das análises de calidade das augas e moitas outras medicións realizadas polos sensores dispostos no sistema de Augas de Galicia. Esta solución innovadora garantirá a integración a futuro de novas fontes de información, así como a particular configuración da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e a necesidade de rexistrar variables que permitan coñecer os impactos producidos polo cambio climático na xestión dos recursos hídricos.

A tecnoloxía, non existente no mercado actual, constituirá a mellor resposta para almacenar, intercambiar e xestionar datos actuais e futuros, incluíndo intercambio de datos cos cidadáns; analizar, procesar e tratar de forma avanzada os datos dispoñibles, aplicando técnicas estatísticas e de intelixencia artificial para modelar escenarios futuros; e ata desenvolver e implantar aplicacións que, a partir de todos estes datos dispoñibles, e con intelixencia artificial, permitan dar resposta a problemas concretos.