Patrimonio

Brandomil porá ao descuberto o seu grande legado romano

O xacemento de Pedra do Altar acolle varias estruturas altoimperais do século I da nosa era // O equipo de arqueólogos dirixido por Lino Gorgoso consolidará e protexerá os restos para que poidan abrirse ao público

Detalle das estruturas de Pedra do Altar

Detalle das estruturas de Pedra do Altar / Lino Gorgoso

Desde hai varios anos, a Fundación Brandomil, da man do Concello de Zas, vén traballando arreo para sacar á luz o gran legado histórico e patrimonial dun territorio que, segundo as evidencias, estivo poboado desde a Prehistoria.

As escavacións do xacemento de Pedra do Altar permitiron confirmar que o territorio da actual parroquia zaense de Brandomil foi no século I da nosa era un importante asentamento romano, e que a súa ocupación, de forma estable ou temporal, alongouse no tempo ata o século V, segundo o arqueólogo Lino Gorgoso, coordinador dos traballos.

Detalle das estruturas de Pedra do Altar / lino gorgoso

Visita de escolares ao xacemento de Brandomil / Concello de Zas

Nas vindeiras semanas esas testemuñas do pasado romano de Brandomil quedarán ao descuberto para que poidan ser visitadas. Con tal fin, esta semana o equipo de arqueólogos, baixo a dirección de Lino Gorgoso, retomou os traballos de consolidación e protección temporal das estruturas, a proposta do Concello de Zas, logo de recibir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Trátase dunha “intervención mínima” co fin de continuar coas escavacacións no futuro próximo, segundo sinalan dende o Concello. As tarefas que se están a realizar consisten na limpeza da parcela escavada, duns 155 metros cadrados, e no peche da mesma co fin de consolidar e protexer as estruturas dos muros e chans das edificacións exhumadas, así como para o control da auga sobre a zona que se escavou. Ademais, acondicionarase unha zona de aparcadoiro, segundo confirmou o alcalde de Zas, Manuel Muíño, durante a súa visita ao xacemento.

Desde que se iniciaron os traballos de escavación no ano 2007, e logo de varias campañas, os arqueólogos sacaron á luz o pavimento dunha calzada romana e, posteriormente, froito de novas sondaxes e estudos de xeorradar, puideron confirmar que moi preto da citada vía atopábanse os restos dunha importante estrutura, parte da cal fixeron aflorar na última campaña do pasado ano. Trátase dunha grande estrutura que semella ser unha domus (casa) ou ben unha masio romana (posto de parada ou hospedaxe).

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, á dereita, co equipo de arqueólogos no xacemento / concello de zas

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, á dereita, co equipo de arqueólogos no xacemento / concello de zas / JOSÉ M. RAMOS

Lino Gorgoso, logo de sacar a luz estas estruturas, dixo estar “sorprendido” polo bo estado de conservación das mesmas, e tamén polo gran número de tellas de tégula decoradas atopadas. Ademais, localizaron restos dunha columna e numerosos fragmentos de cerámica de terra sigilata, así como niveis queimados “que non sabemos se foi debido a que ardeu a estrutura ou a que se fixeron grandes lumes”, sinalou o arqueólogo.

Tralo análise das testemuñas arqueolóxicas atopadas nos distintos niveis do xacemento, Lino Gorgoso considera que as instalacións de Pedra do Altar foron reocupadas en distintas etapas, sendo especialmente intesa a ocupación no século I, pero tamén nos dous seguintes, e incluso no V. Ademais da variedade de restos descubertos, outro dato destacable é a extensión na que se atoparon restos romanos, que abarca “entre doce e catorce hectáreas”, segundo sinalou o arqueólogo.

Todos os traballos realizados ata o momento foron financiados polo Concello de Zas, despois de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Brandomil, que é a propietaria dos terreos nos que se asenta o xacemento arqueolóxico. “Esta é unha nova iniciativa do goberno local co fin de conservar e poñer en valor a riqueza patrimonial do noso concello”, afirma o rexedor zaense.

Un dos obxectivos de cara ao futuro é tentar conectar a calzada romana e as estruturas escavadas para seguir sacando á luz o legado romano nesta parroquia zaense. Segundo Lino Gorgoso, o xacemento de Brandomil está á altura “dos máis importantes da provincia”. Destaca a súa extensión, xa que os muros das estruturas descubertas sobrepasan a área da finca na que están a escavar.

Agora, o Concello e a Fundación Brandomil queren que o xacemento que xa é visible poida ser visitado. O pasado ano xa se organizaron varias visitas de escolares. Hai que lembrar que a referida fundación, xunto con outros colectivos, leva anos traballando para que se recoñeza oficialmente a ruta do Camiño de Santiago a Muxía pasando por Brandomil.