Os socialistas piden ampliar en 200 metros o dique de abrigo do porto de Malpica

Zona portuaria de Malpica de Bergantiños

Zona portuaria de Malpica de Bergantiños / Xunta de Galicia

Redacción

O PSdeG-PSOE presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a ampliar en douscentos metros o dique de abrigo do porto de Malpica. A formación sinala que se trata dunha actuación “xusta, lexítima e razoable que suporía un cambio substancial para a localidade”.

“A ampliación do dique de abrigo faría de Malpica un porto de referencia en Galicia, mellorando a seguridade nunha instalación que en 2018 se cobrou unha vítima mortal, e permitiría ademais o atraque dos arrastreiros para descargar mercadorías”, explicou o portavoz do grupo parlamentario socialista, Luis Álvarez, quen advertiu que “a vida de Malpica nace ao redor dun porto que estamos a ver día a día que está a quedar sen actividade, o que provoca a diminución da poboación”.

Nese sentido, reclamou “unha aposta real polo porto, que permitiría recuperar emprego e aumentar a riqueza do pobo, aproveitando unha situación xeográfica privilexiada grazas á boa saúde dos bancos de pesca da zona”.