Os escolares de A Laracha piden máis seguridade para recuperar o espazo público para o seu desfrute

Demandan máis canles de participación // Incluirán as súas propostas no futuro Plan Local de Infancia e Adolescencia

Encontro cos escolares do CEIP Alfredo Brañas / concello da laracha

Encontro cos escolares do CEIP Alfredo Brañas / concello da laracha / redacción

Redacción

O Concello da Laracha, coa finalidade de avanzar na consolidación dos dereitos dos nenos, traballa na elaboración do I Plan Local da Infancia e da Adolescencia, que vai acompañado dun espazo de participación para nenos, nenas e adolescentes para canalizar as súas ideas e propostas á administración local.

Xa comezaron os primeiros encontros co alumnado de diferentes centros educativos, concretamente co alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Caión e do CEIP Alfredo Brañas, da Laracha. Froito dos primeiros debates constataron que os escolares “prefiren maiores canles de participación en todos os campos”, afirma a concelleira Rocío López.

Se algo quedou claro nestes encontros, engade, “é que queren desfrutar do espazo público, sendo a súa preferencia maioritaria pasar o seu tempo libre na rúa e ao aire libre”. Manifestan que actualmente non poden xogar libremente na rúa “en certa medida, porque perciben inseguridade debido ao modelo de mobilidade imperante”. Por iso, Rocío López incide en que se “fai preciso avanzar na seguridade viaria de forma que os nenos e as nenas poidan facer seu o espazo público, o cal entronca ademais co aumento da súa autonomía”, conclúe.