A aula tecnolóxica amiense ofertará seis cursos durante os meses de marzo e abril

Concello de Ames

Concello de Ames / ECG

REDACCIÓN

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (Rede CeMIT) do Concello de Ames acollerá durante os meses de marzo e abril seis cursos formativos, catro deles para adultos e dous dirixidos á rapazada local.

A oferta inclúe cursos de iniciación tecnolóxica para os maiores e clases orientadas ao estudantado. Dende o 27 de febreiro está en marcha o ciclo Iniciación ás redes sociais e o 20 de marzo comezará o de Sácalle partido ao teu teléfono móbil. De xeito online impartiranse os cursos de Follas de cálculo con LibreOffice e Presentacións con LibreOffice Impressa.

Para os nenos, de entre 8 e 14 anos, ofrécese un obradoiro de Scratch e un curso de iniciación a LibreOffice Impress.

As inscricións, en todos os casos, pódense formalizar chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente nas instalacións da aula, ubicada no primeiro andar da casa da cultura de Bertamiráns.