Voa só o noiés Rhome tras pasar polo Laboratorio de Creación Musical

Foi elixido pola Sociedad General de Autores y Editores para darlle forma ó seu proxecto ca titoría de Iván Ferreiro // O tema ‘Ambiente’ pasa das cen mil reproducións en Spotify

Pola esquerda, Pablo Romeu, Marián Romero e Iván Ferreiro no estudo de gravación / L.C.

Pola esquerda, Pablo Romeu, Marián Romero e Iván Ferreiro no estudo de gravación / L.C. / suso souto

Din os que saben diso que as oportunidades é mellor buscalas, e que o talento e a creatividade teñen máis percorrido cando se concilian con traballo e constancia. E, se a iso se lle suma paixón, temos xa os ingredientes para empezar a loitar polo éxito.

Nesas anda un mozo de Noia, Pablo Romeu Domínguez, de 24 anos, que non só ten moi claro que quere ser artista, senón tamén os pasos que debe dar. O seu soño o ten claro dende que era cativo, cando gustaba de escribir e tocar a guitarra.

Aqueles primeiros pasos encamiñárono a estudar Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago, na que xa empezou a decantarse pola música e a adentrarse no eido da produción dixital. As súas primeiras composicións foron para outros, pero sabía que estaba aprendendo.

E, como non hai mal que por ben non veña, o confinamento motivado pola pandemia da covid facilitoulle ese espazo de abstracción necesario para poder compoñer.

Foi entón cando adoptou o nome artístico de Rhome e empezou a asinar as súas primeiras creacións, entre as que predominan as de xéneros urbanos. Xa ten publicada unha ducia de cancións e conseguiu atraer cara el os focos das redes sociais co tema Ambiente, froito da colaboración co dúo Verto Temazos, e que ten máis de 100.000 reproducións en Spotify.

Pola esquerda, Guadi Galego, Ferreiro, Rhome e Marián / a. lastra

Pablo Romeu Domínguez, de nome artístico Rhome / Alicia Lastra

Pero a súa primeira gran oportunidade chegoulle dous días antes de caducar: tras presentarse case no límite do prazo á convocatoria, foi un dos seleccionados para participar nos Laboratorios de Creación que a Fundación SGAE (Sociedad General de Autores y Editores) organizou en Galicia. Unha iniciativa que ten como obxectivo xerar un intercambio creativo entre todos os autores e músicos participantes. Unha oportunidade que viña acompañada dunha beca para materializar os seus proxectos e dunha semana de traballo intensivo coa titoría do cantante e compositor vigués Iván Ferreiro.

De xeito que, entre os días 13 e 17 de febreiro, Pablo tivo o pracer de traballar con Iván no proxecto máis ambicioso do mozo noiés: un álbum conceptual baseado na identidade social de Galicia que aínda non ten data de saída, pero que está causando unha boa impresión a todos aqueles que escoitaron as maquetas. “Experimento moito e mesturo xéneros; utilizo moito a técnica do sampling. Hai hiphop, reggaeton, pop, diversos ritmos latinos e música tradicional galega, pero todo moi pechado dentro dun concepto que xa desvelarei cando saia o disco”, explica.

Durante toda esa semana, el, Marián Romero (a outra seleccionada para o laboratorio) e Iván levaron a cabo varias sesións nas que non unicamente compartiron os seus traballos e proxectos, senón que tamén chegaron a compoñer, producir e mesmo escribir letras en grupo.

“Foron uns exercicios nos que tiven a oportunidade de aprender moitísimo sobre o meu propio proceso creativo grazas á gran xenerosidade de Iván, quen en todo momento se amosou transparente, honesto e moi implicado co laboratorio. Estoulle de corazón agradecido por elo”, comenta Pablo.

Durante as titorías acercáronse tamén polo estudo outros artistas, como Guadi Galego ou Grande Amore, “o que foi unha sorpresa maravillosa”, di. “Para min, este laboratorio significa un antes e un despois, tanto de maneira persoal como artística, xa que a aprendizaxe foi brutal. O meu proxecto como artista xa estaba encauzado, pero a partir de agora a carreira de Rhome entra noutra fase totalmente diferente. Confío e creo no meu proxecto de forma firme e non podería estar máis ilusionado por levar todo o que teño en mente á realidade”, sinala o artista.

Pablo Romeu Domínguez, de nome artístico Rhome / a.l.

Pola esquerda, Guadi Galego, Ferreiro, Rhome e Marián / L.C.

Por agora, o primeiro paso foi a canción Río, un lanzamento que non ten que ver co seu disco, pero que ten en gran estima. Trátase dunha colaboración con Esther Estévez, presentadora do programa Dígochoeu da TVG, que xa chegou a máis de 80.000 visualizacións en Instagram.

“Río foi unha canción que presentei ó concurso Unha canción con Esther. Foi seleccioada como finalista, polo que Esther cantou no track e grabamos un videoclip xuntos. É un reggaetón melancólico e fala de medrar, de emigrar e da identidade cultural galega”, di. “O estilo e a temática comezan a xirar cara o que quero para o meu futuro, tocando temas en relación á identidade cultural de xeito intimista e mesturando estilos, experimentando cos límites da música urbana, elementos da música tradicional galega e bedroom pop”, sinala.

“Ademais, estou levando a cabo concertos no local Modus Vivendi, eventos nos que intento crear un espazo no que desinhibirse, deixar que a emoción flúa e tocar temas de crítica social”, engade. O próximo concerto de Rhome será o vindeiro día dezaoito do presente mes de marzo no Modus Vivendi, e pretende seguir adiante ca proposta, dando en exclusiva unha mostra do seu disco en relación aos laboratorios con Iván.

Rhome ten un seguimento de 1.000 oíntes mensuais en Spotify e 1.200 seguidores en Instagram.