Os turoperadores premian ao Camiño dos Faros na feira do turismo de Berlín

Costa da Morte acollerá este mes dous novos cruceiros con trescentos visitantes

Pardal, esda., e Picallo, á dta., cos representantes de Olimar e Rutas Meigas, que recolleron o premio / solpor

Pardal, esda., e Picallo, á dta., cos representantes de Olimar e Rutas Meigas, que recolleron o premio / solpor / JOSÉ M. RAMOS

O Camiño dos Faros, que une polo bordo litoral a Malpica de Bergantiños e Fisterra, vén de ser premiado como unha das mellores propostas de viaxes de turismo activo e experiencias na Feira Internacional de Turismo de Berlín (Alemaña).

Un recoñecemento que lle foi outorgado no marco da Noche de España na ITB Berlín, logo do respaldo obtido cos votos de 159 axencias e turoperadores. No acto de entrega participaron a secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo; o embaixador de España na República Federal Alemana, Ricardo Martínez Vázquez; e o presidente e vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e Jesús Picallo Santos, respectivamente,

Picallo, que é ademais presidente de Solpor, Asociacion Profesional de Empresarios do Camiño a Fisterra e Muxía, amosou a súa ledicia por este recoñecemento ao Camiño dos Faros, “que é un roteiro que vertebra todo o territorio da Costa da Morte de norte a sur, e que atrae a un visitante de nivel medio-alto”.

Subliñar ademais que foi o único espazo premiado de Galicia, xunto con outros de Andalucía e Navarra, que se fixeron cos outros cinco galardóns entregados en Berlín.

O Camiño dos Faros é unha ruta de 200 quilómetros, deseñada para ser percorrida a pé en oito etapas. Ao longo do percorrido o camiñante pode gozar de impresionantes acantilados, praias de area branca, cabos salpicados de faros emblemáticos, como o de Vilán (Camariñas) ou o de Fisterra, ao pé do cal remata o roteiro e a prolongación do Camiño de Santiago até a fin da terra.

A distinción deste roteiro, coñecido xa polos amantes do sendeirismo de medio mundo, non foi a única boa nova na feira de Berlín, pois alí confirmouse tamén que a Costa da Morte volverá a ser punto de parada de cruceiros turísticos.

Así o confirmou Jesús Picallo, tras reunirse con Rubén Arauxo, da axencia Easy Galicia, quen lle anunciou a chegada a finais destes mes (entre o 27 e o 29 de marzo) de dous cruceiros cuns 150 turistas cada un, “que queren coñecer sitios con encanto e escapar dos grandes portos”. Recalarán no peirao de Brens (Cee) e dende alí participarán en excursións de grupos reducidos de trinta persoas que os levarán ata espazos icónicos como o faro de Fisterra, o santuario da Virxe da Barca de Muxía, o castelo de Vimianzo e a fervenza do Ézaro (Dumbría).