Patrimonio

Laracha rehabilitará as torres de Cillobre

O Concello investirá 54.000 euros na compra do que é un dos símbolos do municipio, ao estar representadas no escudo local // Os restos da fortaleza están datados no século XIV e o obxectivo é garantir a súa máxima protección // Consérvase unha parte do muro perimetral e a vivenda

Restos das torres de Cillobre, datadas no século XIV e situadas preto da capital larachesa / wikimedia commons

Restos das torres de Cillobre, datadas no século XIV e situadas preto da capital larachesa / wikimedia commons / redacción

Redacción

O Concello da Laracha dá un paso ao fronte para conservar e rehabilitar un dos símbolos patrimoniais do municipio: as torres de Cillobre, as cales aparecen representadas no escudo local, o que reflicte, segundo subliñan dende o goberno, “a súa relevancia histórica, en especial durante a época feudal, na que pertenceron a familias nobres”.

Da fortaleza, datada no século XIV, tan só se conserva unha parte do muro perimetral e a vivenda da torre. O primeiro paso para garantir a súa conservación será a adquisición por parte do Concello de todos os terreos vinculados ao conxunto arquitectónico das torres de Cillobre, que dan nome ao núcleo no que se sitúan, xunto ao casco urbano da Laracha. Hai que subliñar que están catalogadas no Plan Especial de Patrimonio Cultural.

O goberno local elevará ao pleno extraordinario que se celebrará o día 17 de marzo a proposta de aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que “posibilitaría incorporar aos orzamentos municipais un total de 591.620,46 euros do remanente líquido de tesourería como fonte de financiamento para diversos fins de interese xeral para a cidadanía”, afirman. Desa partida destinarán 54.000 euros á compra das torres.

A adquisición deste elemento do patrimonio municipal, que actualmente é de propiedade privada, é unha antiga aspiración do goberno local, que xa incluira as torres de Cillobre no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de garantir a súa máxima protección. “Unha vez concretada a compra e sexan un ben de titularidade pública, as torres poderán ser obxecto de proxectos e iniciativas para a súa restauración e posta en valor”, afirman dende o goberno municipal larachés, que preside José Manuel López Varela.

Subliñan que este é un paso máis na aposta do Concello por recuperar os máis destacados elementos do patrimonio histórico municipal, “do mesmo xeito que se está a facer co castro de Montes Claros e co menhir de Erboedo, que desde hai anos xa son de titularidade pública”.

Nesa liña de posta en valor do patrimonio local, o Concello organizará o sábado, 18 de marzo, unha nova visita guiada ao castro de Montes Claros, un dos elementos arqueolóxicos de maior importancia da Laracha. Despois de adquirir os terreos nos que se sitúa o xacemento, a administración local vén desenvolvendo nos últimos anos intervencións dirixidas á súa posta en valor, incluído a primeira fase da escavación arqueolóxica do antigo poboado fortificado da Idade do Ferro situado na parroquia de Vilaño.

A visita será guiada pola arqueóloga Puri Soto, a partir das 17.00 horas. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse no Concello ou chamando a número 981 605 001.