O porto de Malpica precisa dunha nova configuración pola forza das correntes

Detectouse unha “exposición extrema” da dársena que propicia un efecto resonancia que non é habitual nas costas de Galicia // A opción que ofrece máis garantías é a modificación da xeometría e ampliar as comportas

Porto pesqueiro de Malpica, no que se pretende modificar a xeometría da dársena para garantir a seguridade dos usuarios/ concello de malpica

Porto pesqueiro de Malpica, no que se pretende modificar a xeometría da dársena para garantir a seguridade dos usuarios/ concello de malpica / JOSÉ M. RAMOS

Logo de catro anos de espera por unha solución aos problemas de inseguridade no interior da dársena de Malpica, a causa dos cales o patrón do pesqueiro Silvosa perdeu a vida en decembro de 2018, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, acompañada do equipo técnico do ente público, confirmou este luns á confraría de pescadores que para poder garantir a seguridade é necesario acometer unha nova configuración da zona portuaria.

Susana Lenguas na xuntanza co alcalde, Eduardo Parga /c. de malpica

Susana Lenguas na xuntanza co alcalde, Eduardo Parga /c. de malpica / JOSÉ M. RAMOS

Froito dos estudos e medicións realizadas nos últimos anos, os resultados obtidos ata o momento revelan “a exposición extrema da dársena, propiciando un efecto de resonancia que, como norma xeral, afecta con maior incidencia en portos doutras comunidades do Cantábrico que nas costas galegas”, segundo sinalaron os técnicos ao respecto.

Explicaron, non obstante, que a día de hoxe a enxeñería marítima e os medios dos que se dispón permiten avanzar na resposta a esa problemática “tradicionalmente pouco coñecida e, polo tanto, pouco analizada e na que Portos de Galicia está a afondar con estudos pioneiros”.

En base aos resultados da instrumentalización realizada no interior e no exterior do porto, necesarios para coñecer a propagación da onda longa e ondada e, en consecuencia, o comportamento e posibles solucións de cara a minorar os efectos da comporta da dársena interior, baralláronse diversas modificacións da configuración portuaria actual.

O obxectivo que persegue o ente público “é buscar unha solución sostible” que responda na maior medida posible ás necesidades que se formulan para o porto de Malpica, procurando novas configuracións. Entre elas, analizáronse a ampliación do dique, a prolongación do actual martelo, a construción dun novo ou a modificación da xeometría da dársena interior e a implantación dunha comporta maior.

Non obstante, segundo sinalou o patrón maior, Pedro Pérez, a opción de ampliar o dique está case descartada “xa que, segundo nos dixeron os técnicos, aínda que se alongase cincocentos ou seiscentos metros, as correntes seguirían entrando e, polo tanto, seguiríamos con problemas de seguridade”. A este respecto, subliñou que “o sector tamén consideraba que esa sería a solución e que, ademais, permitiría medrar ao noso porto e que as embarcacións puidesen facer as descargas máis seguras; pero os técnicos din que non”.

Ante esta situación, engadiu, “dende a confraría entendemos que se debe primar a seguridade”, pois ese é o obxectivo desde que un compañeiro noso perdeu a vida”. Das diferentes propostas postas sobre a mesa, a que segundo os técnicos garante a seguridade é “facer unha remodelación integral da dársena interior, o que implica demoler a actual, facer un dragado, construír un novo muelle e cambiar de sitio e instalar unhas comportas máis grandes. Con todo iso, dinnos que se resolvería o problema das correntes”, explicou.

Con todo, unha vez que Portos lles facilite os proxectos convocarán unha xuntanza con todo o sector, pois o obxectivo, subliñou, “é acadar un consenso entre Portos e os profesionais do mar, e que estes poidan aportar tamén as súas propostas, primando sempre a seguridade”.

Á espera de que se concrete o proxecto, Pedro Pérez asegurou que “estamos contentos porque se ve que é unha proposta seria, que requerirá dun importante investimento e que non é un parche o que se plantexa”.

Ademais de garantirse a seguridade, a remodelación da dársena e a ampliación das comportas “tamén teríamos máis amplitude e melloraría moito o que temos agora”, dixo.

Ampliación

Por outra banda, o patrón maior asegura que “aínda que o obxectivo prioritario é garantir a seguridade para evitar que poida producirse outra desgraza, isto non quita que dende a confraría sigamos demandando a ampliación do dique para que o porto de Malpica sexa un referente en Galicia, e iso axudaría e moito a que sexamos máis competitivos”.

Ademais de informar ó pósito dos estudos realizados nestes últimos anos, a presidenta de Portos, Susana Lenguas, tamén trasladou ao alcalde malpicán, Eduardo Parga, a evolución do proxecto de mellora da dársena. Indicoulle que, unha vez trasladadas ao sector estas liñas de traballo e coas súas aportacións, o ente portuario “continuará avanzando cara a un estudo de alternativas técnicas que permitirá optar pola proposta máis beneficiosa”.

O rexedor, ao igual que o patrón maior, insistiu en que “o prioritario agora é garantir a seguridade, que é polo que se vén pelexando nestes últimos catro anos”. “Iso non quita que despois se plantexe a ampliación do dique para que o porto poida acoller máis barcos e que medre a actividade en Malpica, pero iso requerirá de novos estudos”, engadiu.

Parlamento

As propostas plantexadas estes luns na xuntanza celebrada na confraría de Malpica chegan un día antes dun debate no Parlamento de Galicia, no que os grupos da oposición (BNG e PSOE) presionarán para demandar unha solución definitiva da Xunta.

Así, o deputado nacionalista Daniel Pérez pedirá á responsable de Portos que manifeste se a Xunta “considera prioritario garantir a seguridade de embarcacións e mariñeiros que operan no porto de Malpica” e que defina “en que fase se atopa o proxecto de mellora”. Demandará asemade que se poñan prazos para a execución das obras.

Pola súa banda, a formación socialista presentou unha proposición non de lei para que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a que “aposte polo futuro do porto de Malpica coa redacción do proxecto e posterior construción dunha ampliación do dique de abrigo que aporte seguridade aos usuarios do porto e impulse unha actividade económica esencial para este concello”.