O Ecomuseo Forno do Forte ofertará en Semana Santa talleres oleiros

Unha oleira de Buño no seu torno / o falsete

Unha oleira de Buño no seu torno / o falsete / j. m.

A concellería de Cultura e Patrimonio de Malpica, coa colaboración da Deputación da Coruña, organizará obradoiros de barro na Semana Santa no Ecomuseo Forno do Forte, de Buño. Unha iniciativa coa que convidan a quen o desexe a converterse en oleiro por un día para aprender as técnicas do modelado do barro. Os talleres impartiranse os días 3, 4, 5 e 7 de abril de 16.30 a 18.30 horas.

As persoas que o desexen tan só teñen que achegarse ao museo, xa que non é preciso inscribirse. A actividade é de balde e as clases impartiranse por orde de chegada, ata completar un máximo de 15 persoas. No caso dos nenos, poderán participar os maiores de tres anos. Coa finalidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, as concellerías de Servizos Sociais e Cultura programaron tamén un campamento gratuíto de Semana Santa.

Poderán participar nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, que gozarán de múltiples actividades. Impartiranse os días 3, 4 e 5 de abril de 10.00 a 13.00 horas no pavillón de Malpica. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 29 de marzo e o formulario pode descargarse na sección de novas da web do Concello. Para máis información pódese chamar ao departamento de Deportes (981 720 001).