‘O libro negro da lingua galega’ preséntase este venres en Teo da man do seu autor, Carlos Callón

A obra céntrase en recoller e explicar testemuñas da represión lingüística en Galicia // O acto será ás 20.30 na biblioteca O Grilo

Carlos Callón cun exemplar do seu libro

Carlos Callón cun exemplar do seu libro / ECG

O primeiro libro que recolle a represión lingüística en Galicia preséntase este venres, día 17, na biblioteca O Grilo de Cacheiras, no concello de Teo. O acto para dar a coñecer O libro negro da lingua galega, previsto para as 20.30 horas, correrá a cargo do seu autor, o profesor, escritor, ensaísta e poeta Carlos Callón, que é tamén o actual presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Este libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galicia ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Cos casos que, desde 1480 ata 1986, nos permiten entender como chegamos ata aquí e como podemos gañar o futuro para a lingua que nos une.

A mencionada actividade, que terá lugar en Teo, é aberta ata completar a capacidade e é de balde.

SINOPSE.

Por vez primeira un libro como o de Callón recolle e explica testemuños da represión lingüística en Galicia ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas aborda a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 ata 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel, etcétera.

Según conta o propio autor, o documento abre un camiño para o estudo das multas franquistas por “hablar al público en gallego” e das inspeccións por “exagerado acento gallego”. Tamén recolle a acta da profanación da lápida de Alexandre Bóveda para lle castelanizaren o nome ademais de regulamentos escolares inéditos que perseguían o galego no século XVIII.

No seu relato, Callón detense na negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616. “Vemos como o director da Real Biblioteca Española no Setecentos decidiu non imprimir as Cantigas de Santa María” por achar “extravagancia y mal gusto” á poesía en galego.

Asimesmo, coa lectura de O libro negro da lingua galega asistimos a queimas de libros e mesmo nos abraiamos ao saber que milleiros de cartas do Padre Sarmiento acabaron como papel hixiénico.

No documento bótase unha ollada ao caso do taxista que perdería o traballo se en 48 horas non rotuaba “Rianjo” no seu vehículo e lembra que no ano 1980 o Ministerio de Educación expedientaba e exhortaba a “repudiar o profesorado que ensinaba en galego sen cobertura legal”.

“Debruzámonos sobre estas e outras 1.001 noites de pedra para así podermos entender como chegamos ata aquí e como podemos gañar o futuro para a lingua que nos une”, explica na sinopse do libro.

O AUTOR.

Carlos Callón é licenciado en Filoloxía Galega e Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario. Foi concelleiro do BNG en Ribeira entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002 e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre os anos 1998 e 2002.

Desde 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, formando parte da súa directiva, que presidiu de 2002 a 2014, sendo dende aquela presidente de honra da entidade. Tamén é presidente do patronato da Fundación Vía Gallego.