Cabeza recompila os topónimos dos máis de 200 lugares de Ribeira

Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país

Fernando Cabeza Quiles / ecg

Fernando Cabeza Quiles / ecg / suso souto

Toponimia de Ribeira é un dos últimos volumes da colección Terra Nomeada do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, dispoñible xa en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. O autor, Fernando Cabeza Quiles, profunda na orixe e no significado dos nomes das entidades de poboación deste concello do Barbanza, dende as nove parroquias (Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira) ata os topónimos dos máis de douscentos lugares que as compoñen, así como os que designan a Lagoa de Carregal, a praia de Balieiros, o cume dos Forcados e as illas de Sagres.

Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da Asociación Galega de Onomástica, entidade que colabora na edición de Terra Nomeada da Real Academia Galega. Toponimia de Ribeira, que sae do prelo co apoio da Deputación da Coruña, é a terceira contribución do filólogo á colección, tras Toponimia da Estrada (2018) e Toponimia de Carballo (2020).

Ribeira conta con varios topónimos únicos no Nomenclátor de Galicia, entre eles O Caramecheiro, que hoxe dá nome a un barrio do norte da cidade de Ribeira situado a carón da praia de Coroso. Seguramente se refira ao pequeno caracol terrestre, chamado na zona caramecha das dunas (Theba pisana). “Recordamos nos anos setenta do século pasado persoas apañando este caracol, sinal de que se consumía e de que tiña certo valor comercial”, conta ao respecto Fernando Cabeza Quiles.

Listres é outro topónimo que en Galicia só se rexistra en Ribeira e que podería proceder da planta lesta.

TEMAS