Os percebeiros petan á porta da Unesco

Profesionais da Costa da Morte promoveron a constitución dun colectivo a nivel autonómico para defender os seus intereses e solicitar a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade para a súa actividade //Está presidido por Roberto Vidal // En Galicia hai máis de 30 agrupacións do sector

Imaxe dun grupo de percebeiros en plena faena extraendo o produto das rochas no medio dunha forte oleaxe de Muxía  / santiago pérez

Imaxe dun grupo de percebeiros en plena faena extraendo o produto das rochas no medio dunha forte oleaxe de Muxía / santiago pérez / suso souto

As agrupacións de percebeiros da Costa da Morte veñen de constituír un colectivo profesional no que agruparse na defensa dos seus intereses e co ambicioso reto de conseguir que a Unesco recoñeza a súa actividade como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Os promotores da Asociación Profesional de Percebeiros e Percebeiras de Galicia (Percega) presentarán este xoves os estatutos e os obxectivos da entidade nun acto que terá lugar ás seis da tarde na sede do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro na Camposa (Buño), se ben prevén facer a presentación oficial en abril en Santiago.

E, nin son poucos (están convidados a sumarse a título colectivo ou individual os percebeiros das máis de trinta agrupacións existentes en Galicia) nin están sós nesta andaina.

Contan con importantes apoios, entre eles o da Academia Galega de Gastronomía, “que está elaborando un diccionario gastronómico dirixido polo exreitor da Universidade de Santiago de Compostela e exdirector da Real Academia Española, Darío Villanueva, e no que se prevé incluír o termo percebeiro”, sinala Santiago Pérez, secretario de Percega.

E, ademais, están recabando tamén apoios de percebeiros doutros países nos que se leva a cabo a mesma actividade. Países como Canadá, Estados Unidos, Portugal, Francia, Chile ou México (neste último non se lles coñece como percebeiros, senón co termo xenérico de pescadores).

O colectivo estará presidido polo expatrón maior da confraría de Corme, Roberto Vidal. Os muxiáns Santiago Pérez e Antonio Haz actuarán como secretario e tesoureiro, respectivamente. De momento aínda non nomearon vicepresidente.

Os seus obxectivos son moitos e de diversa índole: dende conseguir que a palabra percebeiro pase a integrarse no diccionario da Real Academia Española ata que se modifiquen os coeficientes redutores para a xubilación (“para non ter que estar ata os 65 anos recollendo percebes”, explica Santiago) ou que se modifique o regulamento para que poidan aumentar a potencia das embarcacións coas que faenan. Neste sentido, Pérez comenta que “a potencia máxima permitida é de 40 cabalos, cando se necesita máis do doble, 80 ou 90, para poder realizar con seguridade manobras rápidas para saír dunha situación de perigo no mar”.

Por suposto, tamén queren mellorar a regulación sobre as zonas de extracción de mexilla e mesmo impulsar a promoción da súa actividade e do percebe galego nas feiras nacionais e internacionais, “ás que asistimos máis como espectadores que como protagonistas e ás que nos adoitan convidar a ir, pero sen pagarnos o produto”, indica. A asociación está a xuntar documentación para apuntalar a petición ante a Unesco.