Estrean a primeira obra de teatro que divulga a figura de Castelao entre os nenos o domingo en Teo

Escea da obra ‘Castelao’, que chega con Culturactiva a Teo /culturactiva

Escea da obra ‘Castelao’, que chega con Culturactiva a Teo /culturactiva / Marcos Manteiga

Marcos Manteiga

Culturactiva Producións e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron Castelao, a primeira obra sobre o xenio de Rianxo feita para a infancia. E o auditorio Constante Liste de Teo terá a honra de acoller a súa estrea, este domingo a partir do mediodía. A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

Hai que lembrar que, ata o de agora, a figura do inmortal rianxeiro non contaba cun espectáculo teatral para a cativada. Esta obra vén poñerlle remedio cun destacado equipo: un texto de Paula Carballeira coa dirección de Fina Calleja e con Mónica Camaño e Cris Collazo en escena. Neste caso, presentarase como un neno, moi contento de vivir na súa vila natal. O inicio de xira do espectáculo, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, percorrerá cidades e vilas como O Barco de Valdeorras, Viveiro, Boiro, Vilalba, Vilagarcía de Arousa, Porriño, Monforte de Lemos ou Porto do Son.

Acceso

Na posta de longo salientouse “a importancia de que os nenos e nenas poidan acceder á vida e obra de Castelao dende unha idade temperá e cunha linguaxe adaptada a todos e todas, facendo que se identifiquen co protagonista”. “É unha obra divertida e á par reflexiva sobre a última tarde que Castelao pasa en Rianxo antes de coller o barco para Arxentina”, di Collazo.

“O texto de Paula Carballeira é unha delicia, desfrutas dicindo as palabras que escribiu”, continuaba Cris Collazo. “Temos que reforzar o traballo coa xente miúda para reforzar o uso do galego; pensando na nena que fun encantaríame ter visto este espectáculo”, aportaba Mónica.

A obra presenta a un Castelao de oito anos no seu fogar, divertido, feliz, alegre e aventureiro. Culturactiva Producións propón unha “montaxe de ritmo trepidante”, segundo a crítica, destacando que a tensión dramática desta peza “cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara a Arxentina de Castelao e a súa nai. E mesmo antes, da man de Baltasara, comezará un percorrido trepidante coa urxencia que a inmediatez da partida garante”.