Portos reparou a estrutura da nave de departamentos de usuarios de Laxe

Fachada da nave de departamentos para usuarios tras a reforma / xunta

Fachada da nave de departamentos para usuarios tras a reforma / xunta / s. souto

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, rematou as obras de reparación da estrutura da nave de departamentos para usuarios do porto de Laxe tras un investimento de 60.000 euros. Cos traballos realizados, os locais quedan en condicións óptimas para prestar servizo aos profesionais da zona de cara ós vindeiros anos.

A actuación realizada incluíu a mellora da envolvente e o arranxo doutras deficiencias de diferentes patoloxías da estrutura. Con estas obras, o ente público contribúe á mellora das condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade no porto de Laxe, e á revalorización das infraestruturas portuarias.

Portos de Galicia ten previsto realizar ao longo dos vindeiros meses outros investimentos no porto da citada localidade, como a instalación de seis escaleiras acompañadas de defensas de laterais para mellorar as condicións de amarre e acceso ás embarcacións dos usuarios. Esta nova actuación contará cun investimento autonómico que supera os trinta mil euros.