Camariñas creará no Alto da Vela unha área recreativa como miradoiro privilexiado da súa Ruta Litoral

Concíbese como zona de observación e interpretación da paisaxe e da fauna avícola // Conta cun investimento de trinta mil euros

Vista de la fachada portuaria de la capital de Camariñas

Vista de la fachada portuaria de la capital de Camariñas / Lema

O Concello de Camariñas habilitará unha área recreativa no Alto da Vela, xunto á estrada que conecta o centro da vila co Cabo Vilán, que funcionará, ademais de como zona de parada para os sendeiristas que percorren a Ruta Litoral de Camariñas, como miradoiro privilexiado da ría e a biodiversidade da costa.

Para financiar esta actuación, que suporá un investimento de 29.983 €, o goberno local acadou unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia, dentro da liña de mellora das infraestruturas turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes.

O obxectivo desta actuación é crear unha área recreativa con zona de observación e interpretación da paisaxe e fauna avícola da franxa litoral, dotada de elementos interpretativos do espazo Rede Natura. Un espazo directamente relacionado coa Ruta Litoral de Camariñas, pois vai permitir a conexión con ela.

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou a importancia de “a través deste proxecto, poñer en valor o espazo Rede Natura como recurso turístico, tanto para o desfrute dos veciños e veciñas do municipio como para fomentar o turismo de natureza”. “Son moitos os e as visitantes que se achegan a Camariñas e visitan o Faro Vilán; agora terán un novo lugar de interese”, afirmou.

Os traballos a levar a cabo para a execución deste proxecto, que se integrará o máximo posible na contorna e será respectuoso cos obxectivos e finalidades da Rede Natura 2000, inclúen a instalación da sinalización nos principais accesos ao lugar, a creación dunha plataforma de formigón, a plantación dunha árbore para crear un efecto de primeira pantalla vexetal con respecto á estrada, a habilitación dunha zona de bancos e a colocación de dezaseis postes cilíndricos que actuarán de barreira entre a zona habilitada e o resto da parcela.

Por outra banda, o goberno local de Muxía anunciou tras o pleno deste venres que o Concello ten a día de hoxe un remanente de Tesourería de máis de 2.800.000 euros, así como “novos e importantes investimentos para as vindeiras datas”.

Entre as actuacións previstas destacan a segunda fase da rede de abastecemento de auga de Suxo; un plan de emprego para limpeza no ámbito rural; un plan de arranxos das rexillas de recollida de pluviais no núcleo muxián; e a compra dunha nova bomba de captación de auga na Estación de Tratamento de Auga Potable dos Muíños, mellorando notablemente o caudal actual. Estes proxectos serán presentados polo equipo de goberno no vindeiro pleno.