Dombate ou as Torres do Allo, nunha campaña promocional de videoclips

Xosé Lois Penas, centro, con Minguante nas Torres de Altamira / d.c.

Xosé Lois Penas, centro, con Minguante nas Torres de Altamira / d.c. / redacción

Redacción

A área de Patrimonio da Deputación da Coruña, que dirixe Xosé Lois Penas, está a ultimar os detalles dunha campaña transmedia para promover a pegada histórica e cultural de varios bens patrimoniais de titularidade provincial. Así, difundiranse seis videoclips musicais en redes sociais para amosar a simbiose natural entre o Patrimonio Material e Inmaterial. A idea é ir máis alá do valor arqueolóxico ou arquitectónico do patrimonio e dalo coñecer dun xeito transversal e socializado, sobre todo entre os mozos.

Os seis videoclips foron gravados en localizacións de especial interese histórico e cultural, como o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo, o forno do Forte, as Torres do Allo, as Torres de Altamira e o Mosteiro de Caaveiro.

Subiranse os luns, a partires do vinte deste mes, á canle de Youtube da Deputación e, ao longo de cada semana, realizaranse diversas accións de difusión a cargo de creadoras de contidos culturais e xestores de comunidades, como Ola Xon Mario!, Orgullo Galego ou Rodri Míguez.