O compositor Pablo Pérez Sanmamed presentará o martes no auditorio de Rianxo un espectáculo que fusiona a música medieval e o jazz coa fotografía e a literatura

Pablo Pérez Sanmamed durante un concierto tocando el contrabajo

Pablo Pérez Sanmamed durante un concierto tocando el contrabajo / Cedida

Promovido pola Deputación da Coruña para celebrar o día Europeo da Música Antiga, o departamento de Cultura provincial apoia este ano a presentación en Rianxo do proxecto Ben Vennas Maio, do músico e compositor compostelán Pablo Pérez Sanmamed. A cita, de balde, será este martes día 21 ás 20.30 horas no auditorio da localidade.

Ben Vennas Maio é, en palabras de Sanmamed, “un camiño aberto ás Cantigas de Afonso X a través de dúas linguaxes que se encontran: as da música medieval e do jazz”. No proxecto, editado por aCentral Folque en formato vinilo, a música conflúe con outras dúas propostas artísticas: as que ofrecen as fotografías de Eutropio Rodríguez e a creación literaria de Alba Cid. “Música, texto e fotografía presentan entidade propia ao tempo que dialogan sobre os temas centrais do disco: as cantigas, o maio, a primavera e a muller”, explica o compositor ao respecto.

A liberdade compositiva e de ornamentación son dúas máximas da proposta de Ben Vennas Maio. O público de Rianxo poderá gozar dunha viaxe a través de nove cantigas da autoría de Afonso X, reinterpretadas, e nalgún caso musicadas para a ocasión. “Estas cantigas ofrecen patróns rítmicos moi ricos que cobran outra dimensión ollados desde a cultura do jazz. No plano literario, os textos escollidos achegan puntos de vista que a miúdo sorprenden: é o caso de Non ven al maio, unha cantiga que ofrece unha aceda crítica aos excesos dos poderosos”, dixo Sanmamed.

Para a ocasión, Sanmamed (contrabaixo) estará acompañado por Begoña Olavide (voz e salterio), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (voz e viola de gamba), Iago Mourinho (piano) e Chus Pazos (batería).

Os convites para asistir a dito espectáculo poderán retirarse na billeteira do auditorio rianxeiro desde unha hora antes do seu comezo.