A creatividade e a extensión social vertebrarán a décima edición do Noia Harp Fest

Acollerá a estrea absoluta de tres obras e concertos de recoñecidos arpistas chegados de seis países

La formación Ysando Trío, durante su concierto en Noia.

La formación Ysando Trío, durante su concierto en Noia. / T.O.C

Redacción

A décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, festexará os seus primeiros dez anos de vida poñendo en valor a creatividade e a extensión social da arpa, segundo avanzou este luns o director do certame, Rodrigo Romaní, no acto de presentación en Santiago, onde estivo acompañado polo concelleiro de Cultura noiés, José Pérez, e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García.

O festival, que se celebrará do 3 ao 6 de agosto, acollerá, entre outras propostas a estrea absoluta de tres obras, concertos de recoñecidos arpistas de seis países e un encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia. Ademais, ampliará a súa actividade achegando o instrumento aos centros hospitalarios co programa piloto Boas vibras. Arpistas pola saúde.

Unha das principais novidades desta décima edición será a estrea mundial de Hibrys, do hispano-arxentino Alejandro Civilotti. Trátase da obra gañadora da primeira edición do premio internacional de composición Portus Apostoli, patrocinado polo Concello de Noia. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de interpretar unha peza que, segundo o tribunal do certame, foi a máis destacada das dezaseis composicións recibidas pola súa “alta calidade e interese”, á vez que mostra unha “elevada técnica orquestral, onde a arpa e a orquestras concertan á perfección”. A estrea terá lugar na noite do 5 de agosto na praza do Tapal.