‘Filla da Ruña’, un conto e un canto á terra da escritora Guadalupe Vázquez

Guadalupe Vázquez coa súa nova obra, no Monte da Ruña / c. mazaricos

Guadalupe Vázquez coa súa nova obra, no Monte da Ruña / c. mazaricos / REDACCIÓN

Redacción

Sae á luz Filla da Ruña, un novo conto da escritora e mestra ceense Guadalupe Vázquez Formoso, quen, logo de publicar tres contos bilingües e a súa novela Conto de Quilmas (Editorial Medulia e Xunta de Galicia), continúa na mesma liña de defensa da nosa terra sacando este outro libro que ela mesma define como “unha homenaxe ao mundo rural, simbolizado neste caso no verxel natural do Monte da Ruña, en Mazaricos –irmán xemelgo do Pedregal Olimpo Celta, ao cal xa dedicara o conto Con Pasos de Xigante, Saltarín, no Monte do Pindo / Giant Steps, Little Grasshopper, on Mt. Pindo– e aos moitos tesouros que alberga: á súa riquísima flora e fauna, á pedra de engurras milenarias…”, precisaba.

En palabras da autora, “hai moitas Ruñas, todos temos unha no noso interior; trátase de non deixalas morrer e reivindicar aquilo que fomos e que somos; a Filla da Ruña é unha metáfora daquela vida que esmorece; trátase dun canto de amor ao rural e á natureza e, en definitiva, de amor á vida mesma.”