A mostra ‘My selfie’ recibiu a visita de escolares do Galaxia

Alumnos do colexio Galaxia durante a visita á exposición /c. de ribeira

Alumnos do colexio Galaxia durante a visita á exposición /c. de ribeira / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Un total de 222 alumnos do colexio Galaxia visitaron no transcurso da semana pasada a exposición My selfie, que dende o 7 de marzo se está a exhibir no Centro Cultural Lustres Rivas. Trátase dunha mostra que recalou en Ribeira da man da Asociación Galega da Enfermidade de Dent (Art for Dent). Co fin de visibilizar esta doenza exhíbense traballos de Hugo Yáñez, de nove anos, que está diagnosticado desta rara enfermidade.

Espérase que esta semana acudan máis alumnos do colexio Galaxia, e que na próxima pasen polo centro cultural ribeirense estudantes do instituto Leliadoura.

Este martes, a partir das sete da tarde, está prevista a primeira das dúas visitas guiadas programadas, nas que as persoas que o desexen poderán coñecer o contido desta mostra de boca do artista Fernando Yáñez, pai de Hugo.

A segunda visita está programada para o vindeiro martes, día 28 de marzo. As persoas interesadas en participar deben facer reserva previa a través do número de teléfono 981 835 650.