A Xunta adxudica a obra de reforma do Centro de Saúde de Ordes

Permitirá crear 5 consultas da área de saúde mental ao habilitarse a cuberta aterrazada

Centro de Saúde de Ordes

Centro de Saúde de Ordes / ECG

ECG

A Xunta acaba de adxudicar a obra do Centro de Saúde de Ordes por 402.700 euros. Este investimento permitirá a ampliación do centro, ocupando a cuberta aterrazada do PAC, que conta cunha superficie aproximada de 170 metros cadrados, para habilitar 5 consultas da área de saúde mental.

Crearanse as seguintes consultas: unha para traballo social, dúas consultas de psiquiatría, unha de enfermería e outra para psicoloxía. Ademais haberá novos aseos adaptados.

Esta actuación permitirá dar unha mellor cobertura á atención da saúde mental á poboación de referencia.

A ampliación preséntase como un volume compacto que consolida a área de saúde mental dentro do edificio, conectándose coas circulacións existentes sen desvirtuar a imaxe exterior do edificio. O cerramento da fachada así como a cuberta realizarase con materiais iguais ou similares aos do edificio existente, cun muro de cerramento de ladrillo caravista e cuberta de chapa.

A proposta desenvolve a organización, estrutura e distribución das distintas áreas e servizos do centro. Así no primeiro nivel, que acollerá a área de Saúde Mental, a reforma integrará a nova área dentro do funcionamento diario tanto de cara ao usuario e profesionais conectando as súas circulacións e esperas de forma óptima, permitindo así a compatibilidade dos espazos. Este mesmo andar alberga os programas propios do centro de saúde correspondente a consultas de medicina, enfermería, pediatría, matrona, odontoloxía e administración.

Neste centro de saúde tamén se levou a cabo recentemente a reparación dos ventanais deteriorados a causa da corrosión da estrutura metálica de catro ventanais da parte posterior do edificio e está previsto levar a cabo a substitución do alumbrado por iluminación tipo LED e a modificación da instalación eléctrica para cobrir mediante un grupo electrógeno diferentes zonas del centro.

Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024

Este investimento desenvólvese a través dos fondos destinados ao Plan de Saúde Mental de Galicia aprobado pola Xunta para o período 2020-2024.

Este plan ten unha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros e prevé a incorporación de 241 novos profesionais, dos cales a día de hoxe están contratados xa 130. Os orzamentos da Xunta para 2023 contemplan crear outras 61 novas prazas neste eido.

Ao abeiro deste plan puxéronse en marcha catro novas unidades de saúde mental para adultos: esta de Ordes e as de Oleiros, Tui e Ponteareas.