As velutinas acaban cos apiarios dunha familia de Camariñas que adicou trinta anos á apicultura

Eran os principais produtores de mel da comarca // Perderon 450 colmeas // Lamentan a falta de compromiso na loita contra a praga

Apiario de Belén Meirás e José Manuel Soto ubicado nos montes de Xaviña, en Camariñas / b. meirás

Apiario de Belén Meirás e José Manuel Soto ubicado nos montes de Xaviña, en Camariñas / b. meirás / JOSÉ M. RAMOS

Belén Meirás e José Manuel Soto, veciños de Xaviña (Camariñas), levan máis de trinta anos adicados á apicultura, e os seus apiarios eran os principais abastecedores de mel da comarca de Soneira, pero acaban de sucumbir ante as velutinas. Do medio milleiro de colmeas que tiñan distribuídos en tres alvarizas nos montes de Vimianzo e Xaviña “tan só nos quedan cincuenta e cos días contados”, afirma Belén.

A proliferación das avespas asiáticas “e a falta de axudas e de implicación da administración na loita contra esta praga” son, segundo esta apicultora, as causas desta situación á que nin coa axuda de arpas eléctricas foron capaces de facer fronte nas súas alvarizas.

A este respecto, Belén sinala que o Concello de Camariñas tivo que deixar de facer as campañas de trampeo “porque son moi custosas e non recibían axudas”. Unhas campañas que coordinaba, por encargo do Concello, o seu home, José Manuel “e nas que se collían unhas 9.000 raíñas na primavera, o cal evitaba a creación doutros tantos niños”.

Ese labor xa non se fai, “e a Xunta só se encarga de retirar os niños, tardando en moitos casos entre 8 e 15 días co perigo que iso supón”. Ante esta situación, Belén e José Manuel desistiron, con fondo pesar, de seguir adiante. “As perdas son incalculables”, afirman, e o sentimento de impotencia aínda maior, pois “se morren as abellas, detrás delas iremos nós”, subliña Belén Meirás.

O concelleiro de Medio Ambiente, Serxio Caamaño, confirmou que, efectivamente, a administración local desistitu o pasado ano de seguir cos trampeos e de asumir a retirada de niños de velutinas “porque é unha competencia da Xunta e para o Concello supoñía un gasto anual imposible de asumir, e non podemos adicar cartos a algo que non nos corresponde en vez de adicalos a servizos como a axuda no fogar”. Non obstante, firmaron un convenio coa Administración autonómica para a retirada de niños “e lembrámoslle cada ano que o trampeo é clave nesta loita”. Ademais, convidan e forman aos veciños para que instalen trampas nas súas propiedades.