O BNG presenta a Juan David Sixto para optar á alcaldía de Santa Comba

O candidato, de 43 anos, desenvolve unha intensa actividade veciñal e a súa ambición é que o concello sexa "transparente, vivo e dinámico"

O candidato do BNG á alcaldía de Santa Comba, Juan David Sixto

O candidato do BNG á alcaldía de Santa Comba, Juan David Sixto / BNG

Redacción

O candidato do BNG á alcaldía de Santa Comba, Juan David Sixto, avanza como carta de presentación a súa vontade de que o concello saia da súa parálise para aproveitar os recursos e converterse en referente de dinamismo económico. Con 43 anos e veciño de San Xoán de Grixoa, Juan David Sixto conta imprimir no concello a mesma confianza na veciñanza e na capacidade para saír do letargo que o impulsou a participar activamente no movemento veciñal de Santa Comba.

Como moitos veciños e veciñas de Santa Comba, Juan David Sixto, desprázase fóra cada día para traballar en Santiago de Compostela nun feito que demostra a poucas oportunidades laborais que hai neste momento no concello. Ese será un dos seus principais retos e un dos eixos do seu programa político, conseguir avanzar con decisión no desenvolvemento económico do concello, aproveitando os seus moitos recursos e converténdose en referente, por exemplo, no sector agrogandeiro e políticas sociais.

O BNG presenta o seu candidato á alcaldía de Santa Comba, Juan David Sixto, co convencemento de que é a mellor opción para transformar un concello que necesita con urxencia un motor que poña a administración local ao servizo da veciñanza. Ideas, ilusión e enerxía son tres dos piares básicos deste xalleiro que conta na súa carta de presentación cunha intensa actividade liderando unha asociación veciñal a través da cal desenvolveu tarefas de carácter informativo e de recuperación e divulgación de tradicións propias da terra, ademais de prestar apoio a veciñas e veciños en distintas actividades relacionadas coas problemáticas das aldeas, en especial, en xestións administrativas co propio concello.

Por todo isto, o candidato nacionalista coñece de primeira man as demandas e urxencias tanto da vila como das aldeas do rural e, ademais de darlle solución quere, a través do programa co que concorre ás eleccións ir máis alá e "poñer en marcha diferentes iniciativas innovadoras que permitan que o Concello avance e se coloque onde debe estar: como referente en aproveitamento agrogandeiro, como referente en políticas sociais e recoñecido en ámbitos distintos: cultural, gastronómico...".

Para este obxectivo, como fixo na súa actividade no asociacionismo, Juan David Sixto parte do convencemento de que "é necesario saír do abandono e converternos nun concello vivo e dinámico en que as veciñas e veciños se sintan parte activa e imprescindíbel no desenvolvemento deste proxecto que parte, como non podía ser doutro xeito, de crer en nós mesmos e de saber que Santa Comba merece máis".

Deixar atrás unha situación crítica e de abandono

Juan David Sixto afirma que tantos anos de xestión do PP deixou o concello nunha "situación crítica e de abandono" e quere, por iso, revitalizar a capital da comarca do Xallas que conta, segundo insiste, cun rico patrimonio cultural e natural, capacidade produtiva e unha veciñanza con ganas de vivir nun concello con máis servizos e máis posibilidades e só precisa "un goberno que acredite nos recursos que temos, con ideas novas e un proxecto claro para saír da parálise".

Ofrece a experiencia dunha organización como é o BNG que exemplos de políticas municipais recoñecidas -entre elas, as próximas de Carballo, Zas ou Mazaricos- de transformación integral de aldeas, vilas e cidades, con modelo propio, con proxecto para Santa Comba, con equipo e vontade de cambiar o rumbo e abrir novas posibilidades para o concello.

O candidato do BNG á alcaldía leva xa tempo percorrendo o territorio do concello, escoitando á veciñanza e recollendo directamente as necesidades e demandas para trazar a folla de ruta do seu programa de goberno. Sumouse, neste sentido, á demanda da comunidade educativa do CRA, ás peticións de veciñas e veciños como intermediario nunha administración que moitas veces se presenta complexa para acceder a servizos e axudas ou ás peticións de maior transparencia e comunicación do goberno municipal. "Para nós, traballar man a man coas veciñas e veciños é fundamental e neste proceso estamos a tomar nota das moitas necesidades en servizos básicos, infraestruturas e melloras que hai que acometer para centrarnos no importante, en mellorar a vida das persoas", sinala Juan David Sixto que as próximas semanas presentará a toda a poboación de Santa Comba tanto o seu equipo como as liñas estratéxicas para a transformación do concello coas persoas no centro.