Área

Ruiz levará a pleno a proposta de adquisición dun terreo para o novo centro de saúde de Ribeira

Á esquerda, vallas do terreo que pretende adquirir o Concello para construír o novo centro de saúde.

Á esquerda, vallas do terreo que pretende adquirir o Concello para construír o novo centro de saúde. / Concello de Ribeira

Ente os puntos que van ser debatidos pola Corporación municipal de Ribeira no pleno ordinario do vindeiro de 27 de marzo figura o inicio do expediente de compravenda de terreos para a construción do novo centro de saúde. A parcela, propiedade do Sareb, está situada no barrio de Cubeliños, moi preto da nova Escola Infantil Municipal e dos dous aparcadoiros públicos de Abesadas. Consta dunha superficie de 2.174 metros cadrados, cunha fronte ao vial (linde leste) de 100 metros lineais, ao linde norte de 17,7 netros e ao linde sur de 17,3, lindando ao oeste cunha zona verde.

De acordo coa valoración técnica efectuada, o valor do predio (resultante de restar ao valor do terreo os custes de demolición da construción existente), ascende a un total de 806.063,2 euros. O propósito deste punto da orde do día reside en iniciar o procedemento para a súa adquisición directa e ordenar a redacción do pliego de cláusulas administrativas que rexan o contrato e proceso de adxudicación. A intención do executivo unha vez culmine o procedemento é poñer este terreo a disposición da Consellería de Sanidade para albergar alí o novo centro de saúde de Ribeira, segundo explicou o alcalde, Manuel Ruiz.

Hai que lembrar a este respecto que a actuación ribeirense foi incluída dentro da fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia: unha folla de ruta dividida en tres fases en función do nivel prioridade, que prevé a posta en marcha de 37 centros e a reforma de 14 en toda a xeografía autonómica, co ánimo de implantar un novo modelo de atención primaria cun máis categorías e unha aposta decidida pola atención multidisciplinar.