Acordo en Ponteceso para dinamizar o mercado laboral

María Jesús Lorenzana e José Ramón Pombo en Ponteceso

María Jesús Lorenzana e José Ramón Pombo en Ponteceso / Xunta de Galicia

Redacción

A Asociación de Empresarios de Ponteceso sumouse ao sistema de difusión de ofertas de traballo do Servizo Público de Emprego co fin de conectar oferta e demanda para dar resposta ás vacantes do mercado laboral. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou este xoves o acordo de colaboración co presidente da patronal, José Ramón Pombo, o que permitirá achegar as ofertas de traballo ás oficinas de emprego e mellorar o seu papel intermediador.

Lorenzana sinalou que este sistema permite “casar oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional”.

A conselleira tamén puxo en valor o traballo que se está a desenvolver no Polo de Emprendemento de Coristanco, que foi o primeiro da provincia e presta servizo a 29 concellos.