Forman ao alumnado do obradoiro dual de Ames e Brión na montaxe de instalacións fotovoltaicas

Os vinte integrantes do taller de emprego recibiron os diplomas polo correcto aproveitamento do curso sobre os riscos laborais

Alumnos e alumnas do obradoiro de Ames e Brión posando cos diplomas xunto ás autoridades / CONCELLO

Alumnos e alumnas do obradoiro de Ames e Brión posando cos diplomas xunto ás autoridades / CONCELLO / redacción

Redacción

Os concellos de Ames e Brión están impartindo dende o pasado mes de outubro a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan unha vintena de alumnos-traballadores.

Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas (un total de 420 horas). Ademais, impártese un módulo do certificado de profesionalidade de montaxe de sistemas domóticos e inmóticos de 210 horas.

Este certificado completo ten unha duración de 360 horas. Dita formación complementouse co curso de prevención de riscos laborais en alturas e co de plataformas elevadoras móbiles para persoas.

Este luns, o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o primeiro tenente de alcalde do Concello de Brión, Carlos Noya, achegáronse ata o centro de formación de Aldea Nova para facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento do curso de prevención de riscos laborais en alturas e do curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas. Os dous complementan a capacitación que se está impartindo no mencionado obradoiro dual de emprego Renova.

Dentro do plan de formación aprobado para este proxecto, a totalidade do alumnado recibe formación en dous certificados de profesionalidade, un completo e outro parcial.

O certificado que se imparte integramente é o de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, de 420 horas de duración. Ademais, existe un módulo do certificado de profesionalidade de montaxe de sistemas domóticos e inmóticos de 210 horas. Esta acreditación completa ten unha duración de 360 horas. Por outra banda, tamén forman parte do plan formativo deste obradoiro outros módulos complementarios de alfabetización dixital, orientación profesional e sensibilización en igualdade de xénero.

PLATAFORMAS ELEVADORAS.

Ademais, decidiuse complementar o plan formativo aprobado cun curso de prevención de riscos laborais en alturas e con outro de plataformas elevadoras móbiles para persoas. Ditas accións teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras de cara ao inicio dos traballos nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.

Durante a súa intervención, o alcalde de Ames, Blas García, deulle os parabéns ao alumnado pola realización destes dous cursos e destacou a importancia dos mesmos con vistas á súa inserción laboral.