Adxudicada a mellora do auditorio do IES Alfredo Brañas carballés logo dun ano e medio de espera

O custo case duplica a valoración técnica e ascende a 268.000 € // A Xunta renovará tamén a cuberta do colexio Nétoma-Razo

Gonzalo Trenor, á dereita, con directivos do CEIP Nétoma-Razo, de Carballo / xunta de galicia

Gonzalo Trenor, á dereita, con directivos do CEIP Nétoma-Razo, de Carballo / xunta de galicia / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, avanzou durante a súa visita ao CEIP de Nétoma-Razo, de Carballo, que esta semana se adxudicaron á empresa Osega XXV as obras de mellora do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo para dar resposta ás numerosas deficiencias do salón de actos. Hai que lembrar que no mes de xuño de 2021 desprendeuse parte do falso teito de escaiola, o que provocou danos nas butacas, na iluminación e no cadro de eléctrico.

A obra conta cun orzamento de 268.000€, o que supera en 120.000€ a valoración técnica inicial e o prazo de execución será de dous meses e medio. Segundo os estudos técnicos, realizarase unha obra de acondicionamento e mellora do salón de actos, que contempla a instalación de apliques e luminarias para unha nova iluminación LED, a modificación das instalacións de electricidade, a preinstalación de nova megafonía, o pintado e revestimento de paredes e actuacións sobre o teito, cunha rede de protección baixo forxado de bovedilla. A actuación implicará desmontar as butacas, a luminaria e o falso teito como paso previo.

Unha esperada obra que, mesmo foi obxecto de debate no Parlamento, onde o BNG demandou tamén medidas para frear a praga de térmite que afecta ao centro e que se arranxasen as fachadas do edificio.

Por outra banda, Gonzalo Trenor anunciou un investimento de máis de 197.000 euros para renovar a cuberta do CEIP Nétoma-Razo. Substituirase o teito existente por outro de paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado, “o que permitirá aumentar o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio”, afirmou.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”, reforzando “a nosa aposta pola educación pública de calidade”.