Luz verde á construción de redes de auga e saneamento con depuradora na localidade rianxeira de Vilas

Darán servizo a quince vivendas // A aldea de Pousada contará tamén con canalización de fecais, que pasará por fincas privadas

Tubaxes para as obras da rede de saneamento na localidade rianxeira da Casilla / c. de rianxo

Tubaxes para as obras da rede de saneamento na localidade rianxeira da Casilla / c. de rianxo / suso souto

O Concello de Rianxo vén de recibir a aprobación definitiva por parte de Augas de Galicia e da Axencia Galega de Infraestruturas aos proxectos para instalar as redes de saneamento de Pousada (O Araño) e Vilas (Asados), así como a de abastecemento deste último núcleo. Con este trámite e a remisión dos permisos, a Deputación Provincial da Coruña autorizará a licitación de ambos os dous proxectos, financiados a través dos fondos que o Plan Único asigna ó municipio rianxeiro.

As dúas actuacións aprobadas seguen na liña de ampliar o saneamento municipal homologando todos os núcleos neste servizo fundamental.

No caso de Vilas, implicou a redacción do proxecto dunha pequena depuradora autónoma, co seu sistema biolóxico de depuración, sen conexións de bombeos, incluíndo a realización do depósito en zona próxima á autovía do Barbanza, para o que se fará un pequeno muro de contención. Foi por este motivo polo que resultou necesario contar coa autorización do departamento de Vías de Alta Capacidade e da Axencia Galega de Infraestruturas.

Estes traballos van beneficiar a unhas quince vivendas que tamén terán a posibilidade de se unir á traída municipal de augas. O importe desta actuación para a licitación pública é de 168.420 euros.

No caso de Pousada, na parroquia do Araño, nesta primeira fase serán vinte e dúas as vivendas que se incorporarán neste caso á rede xeral de saneamento, tras cruzar a estrada AC-305. O investimento das obras é de 222.357,39 euros.

O Concello aproveitou as obras realizadas recentemente pola Administración autonómica para dotar á zona de beirarrúas para preparar a actuación e evitar así unha posterior afección. Esta actuación foi obxecto de varias modificacións no trazado e finalmente conseguiuse o permiso de varios veciños para atravesar parte das súas propiedades.

“Agardamos que a licitación pública de ambas obras poida realizarse en breve para dar este servizo ás dúas aldeas. Conleva a reposición do afectado con asfalto en quente”, sinalou o alcalde, Adolfo Muíños.