O Pino aproba unha modificación do convenio con Augas de Galicia para a depuradora de Arca

O alcalde asegura que as obras están bastante avanzadas e confía en que rematen este mesmo ano.

Último pleno ordinario desta lexislatura celebrado no Concello de O Pino

Último pleno ordinario desta lexislatura celebrado no Concello de O Pino / Concello de O Pino

Redacción

O Pleno da Corporación do Pino aprobou por unanimidade no último pleno ordinario da lexislatura a terceira addenda ao convenio asinado entre o Concello e Augas de Galicia para construír a depuradora de Arca. A modificación proposta polo departamento autonómico supón un incremento do investimento ata os 2.207.800,17 euros, que serán sufragados con fondos europeos, e contempla unha partida orzamentaria para o ano 2024.

O alcalde, Manuel Taboada, rexeitou as críticas do grupo socialista sobre o retraso na distribución orzamentaria, ao asegurar que “as obras están bastante avanzadas e xa se fixo case todo o movemento de terras”, e confía en que a depuradora poida entrar en funcionamento este mesmo ano o a principios de 2024.

O equipo de goberno do PP rexeitou as dúas mocións presentadas polo grupo socialista. Na primeira delas, referente á parada de bus en Castrofeito para a liña Santiago-Lugo, Óscar Vilar solicitaba que dende o Concello se instase a Consellería de Mobilidade a colocar a parada na rotonda que comunica a N-634 co acceso a autovía. Manuel Taboada informou que dende o goberno municipal fixéronse varias xestións nos últimos anos e que se chegara a un consenso entre Demarcación de Carreteras (Ministerio de Fomento), Tráfico e coa empresa concesionaria da liña para colocar esta parada na mesma rotonda, pero na parte Norte preto do ramal que da acceso a capela de Santiso. “Un acordo apoiado pola propia asociación de veciños o pasado luns día 27. O presidente da asociación e membros da directiva pedíronnos que se rexeitara a moción do PSOE e non mandar o tema á Consellería para non retrasar máis a execución da parada. Aos veciños parécelles ben a localización elixida que, ademais, é menos perigosa”, dixo o alcalde.

A moción contou con 5 votos a favor (PSdeG e BNG) e 6 en contra (PP), polo que foi rexeitada.

A segunda moción dos socialistas pedía unha revisión integral do Plan Xeral de Ordenación Municipal tamén foi rexeitada. O alcalde sinalou que se está a facer unha consulta puntual coa veciñanza para poder modificar aqueles núcleos rurais nos que os propietarios dos terreos teñen intención de facer unha vivenda unifamiliar “porque esta modificación é moito máis rápida”.

“Imos modificar o PXOM onde realmente a xente quere que se cambie, para poder construír vivendas unifamiliares cerca dos núcleos existentes, nos que hoxe non se poden construír porque o solo está cualificado como rústico. Noutros casos, atopámonos con explotacións agropecuarias que non poden medrar porque están enclavadas en núcleos urbanos”, dixo Taboada. “Con esta iniciativa pódese cambiar a cualificación do solo de rústico a urbano e viceversa, para dar cobertura as demandas que temos nestes momentos. Máis interés xeral que este non o imos atopar”, engadiu.

O alcalde explicou que esta proposta do Concello foi cualificada dende a Xunta como un modelo a ter en conta para “futuras actuacións noutros concellos para revisións e reaxustes dos núcleos rurais tradicionais”.

Taboada insistiu en que facer unha revisión integral do PXOM pode levar de seis a oito anos, “e coa nosa proposta podemos darlle resposta a xente en pouco tempo. Deste xeito queremos facilitarlle aos propietarios, por compra ou herdanza, que constrúan nos núcleos rurais, sempre que a lei o permita, para fixar poboación e que poidan volver as súas raíces”.

A moción contou con 5 votos a favor (PSdeG e BNG) e 6 en contra (PP), polo que foi rexeitada.

No capítulo de rogos e preguntas, Óscar Vilar preguntou polos problemas que están dando algúns colectores soterrados. O alcalde informou este problema pasa son con catro das doce illas que hai en Pedrouzo. “O problema parece que son os motores, que fallan cando hai condensación. A empresa que os instalou está estudando cambialos de sitio”, engadiu, ao tempo que aclarou que esas catro illa fixéronse con cargo ao Plan Urbe e que a Xunta está negociando coa instaladora unha solución definitiva.

En canto a senda peonil que da acceso ao albergue de peregrinos de Arca, que está sen rematar, Taboada contestoulle ao voceiro socialista que se rematará a obra cando mellore o tempo. O retraso debeuse, dixo, ao mal tempo, polo que o Concello tivo que renunciar a unha parte da subvención.