Mozos de varios países axudarán a valorizar o castro de Montes Claros a través dun campo de voluntariado

Colaborarán na segunda escavación do xacemento // Limparán os afloramentos rochosos ante a posibilidade de atopar petróglifos

Unha das zonas do xacemento arqueolóxico do castro de Montes Claros, na Laracha /concello da laracha

Unha das zonas do xacemento arqueolóxico do castro de Montes Claros, na Laracha /concello da laracha / REDACCIÓN

Redacción

O Concello da Laracha organizará no verán un novo campo de voluntariado internacional de temática arqueolóxica e centrado na posta en valor do castro de Montes Claros e a conservación da súa contorna. A Consellería de Política Social e Xuventude vén de comunicar ao Concello a aceptación da proposta e a súa inclusión na campaña de verán da Xunta de Galicia deste ano 2023.

A iniciativa irá dirixida a un máximo de quince mozos de idades comprendidas entre 18 e 30 anos, e levarase a cabo do 26 de xullo ao 6 de agosto. O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar abrirase en próximas datas.

Os campos de voluntariado dan a oportunidade aos mozos de vivir unha experiencia única baseada en dous aspectos fundamentais: prestar un servizo de interese xeral á comunidade e reforzar os valores sociais a través da participación grupal con persoas procedentes doutras comunidades e países. Ao mesmo tempo, tamén desfrutarán de actividades de lecer complementarias.

Continuando coas intervencións desenvolvidas en anos precedentes, nesta ocasión o traballo consistirá, fundamentalmente, en tarefas auxiliares de colaboración na segunda escavación e na limpeza dos afloramentos rochosos nos que é precisa a intervención manual ante a posibilidade de atopar petróglifos.

Previamente, os participantes recibirán formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas. Tamén se fará especial fincapé no mantemento da biodiversidade animal e vexetal, fomentando o respecto e interese por preservar as paraxes de interese arqueolóxico, pero tamén aquelas con riqueza medioambiental, etnográfica e patrimonial.

Ese traballo específico no castro levarase a cabo polas mañás, baixo o control da dirección do obradoiro e con supervisión arqueolóxica. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizarán actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirán coñecer o termo municipal da Laracha e a súa historia e tradición. Aloxaranse no centro cultural de Santa Margarida.