O auditorio de Valga acolle en abril a mostra ‘Calas ou falas’

Henrique Prado explicando ao alcalde a mostra/ concello de valga

Henrique Prado explicando ao alcalde a mostra/ concello de valga / s. e.

Henrique Prado Miranda (Cangas do Morrazo, 1964) é o artista que expón durante este mes de abril no auditorio municipal de Valga. O alcalde, José María Bello Maneiro, o edil de Cultura, Pedro Calvo, e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna, acompañárono na inauguración da mostra de escultura Calas ou falas, un título revelador co que pretende transmitir unha das súas máximas na súa profesión: a arte, máis alá do seu atractivo visual, debe transmitir unha idea, un concepto que provoque unha reflexión nas persoas que a contemplan. Con esa intención presenta en Valga unha colección de nove esculturas en madeira (de cedro pardo americano e piñeiro radiata) coa que trata temas coma a busca da eterna xuventude ou as pequenas cousas da vida que deixamos pasar sen gozar delas; lanza mensaxes contra a violencia; critica a telebasura, o tratamento que na actualidade se dá á arte ou a intervención do ser humano sobre a natureza. No acto inaugural, o artista guiou aos representantes do goberno local pola exposición.