Dotan ao viveiro de sementes forestais de Carballo dunha máquina de termotratamento

Permitirá eliminar os patóxenos só con auga quente, sen necesidade de utilizar fitosanitarios

José Luis Chan, no centro /xunta

José Luis Chan, no centro /xunta / redacción

Redacción

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asistiu en Carballo ás xornadas de portas abertas nas instalacións do Viveiro Xunta de Galicia-SEMFOR, encargado do procesado de sementes forestais para a subministración a outros viveiros de Galicia.

O motivo destas xornadas foi a adquisición dunha nova máquina de termotratamento de material forestal de reprodución -como as sementes e outras partes de plantas-, que permite que, mediante a utilización de auga quente, se poidan eliminar os patóxenos existentes nas sementes. Deste xeito, non é necesario empregar produtos desinfectantes e fitosanitarios no procesado do material forestal de reprodución e séguese contando cunha alta seguridade en canto aos resultados de limpeza fitosanitaria desta materia.

Nestas xornadas, tamén se informou aos asistentes sobre os últimos traballos realizados polo viveiro na selección de mouteiras de distintas especies forestais de interese e das boas expectativas da colleita de froitos dos hortos de semente de piñeiro do país, cunha produción estimada de material controlado duns 370 quilogramos, e uns 52 de semente cualificada.

Na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, dunha maneira moi directa no Eixo I (Contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais) e no Eixo II (Protección, sanidade forestal e prevención e defensa contra incendios forestais) e indirectamente en todos os eixos, establécese a necesidade de contar cun material forestal de reprodución de alta calidade xenética que permita ás especies forestais prosperar ante o cambio climático ou fronte a enfermidades e doenzas.

Para iso, aseguran dende a consellería “é necesario contar con estruturas que permitan conservar e mellorar os recursos xenéticos forestais, asegurando a súa sanidade e vitalidade. Ao tempo, compartir co sector estes avances posibilita establecer con facilidade liñas de actuación comúns”.