Airiños: 90 anos de teatro en galego

A compañía de Rianxo festexará o aniversario cun libro, un roteiro e unha mostra sobre a súa historia e ca estrea de ‘As vellas non deben de namorarse’, unha adaptación da obra de Castelao //É o grupo afeccionado máis antigo da comunidade e centos de veciños formaron parte del ó longo de catro xeracións

Pola esquerda, Enrique Carou, Carlos Gey, Xesús Santos, Mari Santos, Carme Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Asunción Resúa, Ramón Pimentel, Constante Castaño e Suso Rañó, en 1971 / airiños

Pola esquerda, Enrique Carou, Carlos Gey, Xesús Santos, Mari Santos, Carme Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Asunción Resúa, Ramón Pimentel, Constante Castaño e Suso Rañó, en 1971 / airiños / suso souto

A compañía de teatro afeccionado máis antiga de Galicia celebra este ano o seu noventa aniversario. O grupo Airiños, de Rianxo, creado en 1933 na parroquia de Asados, é un caso singular de amor pola arte e polo idioma galego e ten o mérito de ter como protagonistas na súa dilatada e exitosa traxectoria a centos de veciños e veciñas de todas as idades ó longo de catro xeracións.

Elenco da obra de teatro ‘República sideral’, de Airiños / airiños

Elenco da obra de teatro ‘República sideral’, de Airiños / airiños / suso souto

A semente teatral en Rianxo botárana xa uns anos antes, en 1917, os trece mozos da vila que formaban a Agrupación Artística Los Trece, un grupo músico-teatral que animaba a vida local e que debutou na escola ca obra El oro y el moro, de Eusebio Blasco. Entre os membros da formación estaban Rafael Dieste, José Ramón e Francisco Nine, Roxelio e Juan Pérez, Rafael González, José Ordóñez, Manuel Seco e Antonio Losada.

Pola esquerda, Xesús Santos, Adolfo Muíños, Mari Santos e Amantia Coello, na presentación da programación / c.r.

Pola esquerda, Xesús Santos, Adolfo Muíños, Mari Santos e Amantia Coello, na presentación da programación / c.r. / suso souto

A compañía Airiños fundárona entre outros os curmáns de Castelao (Xosé Losada e Manolo Rodríguez) en 1933 en torno á Agrupación Galeguista da localidade, levando a escena a obra A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro.

Airiños, sempre fiel á nosa lingua, esquivou con arte, inxenio, paixón e creatividade os sablazos da censura na ditadura.

A contenda truncou temporalmente a súa actividade, ata que, xa rematada, Ramón Pimentel, que fora un dos rapaces actores da primeira época, asume a dirección.

A compañía continúa hoxe na defensa do galego, despois de levar a escena, xa en 1961, con Dieste aínda no exilio, A fiestra valdeira. Eran tempos nos que o mesmo candil que se usaba nunha obra alumaba o camiño ó local de ensaio e a bandeira de Galicia cubría o oco do apuntador cando non había autoridades.

Airiños foi capaz de manter o teatro en galego e a fidelidade ao idioma mesmo durante a Guerra Civil e a ditadura nunha pequena aldea na que centos de veciños e veciñas colaboraron na agrupación ao longo da súa historia.

Mozos e vellos, pais e fillos, bisavós e bisnetos comparten sobre o escenario a paixón pola interpretación cun selo irrenunciable: representar sempre as obras en galego. Unha máxima que o grupo non abandonou nin sequera na ditadura.

A longa traxectoria desta compañía fixo posible que sexan xa catro as xeracións de rianxeiros e rianxeiras que deron vida a Airiños. Un bo exemplo é o caso do exdirector do grupo, Xesús Santos, quen tamén foi actor do mesmo, ao igual que Ricardo, o seu sogro (un dos fundadores), a súa esposa Carmen, a súa filla Mari e o seu neto Marcos.

No seu repertorio están obras como Na casa do ciruxano, a máis representada, antes e despois da guerra. No ano 1983, a agrupación cumpriu un vello soño ó levar a escena a emblemática obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Para a ocasión contou co asesoramento da irmá do ilustre galeguista, Teresa Rodríguez Castelao, de Maruxa Villanueva e de Daniel Varela Buxán.

RECOÑECEMENTOS.

A compañía recibiu moitos e importantes galardóns. En 2012 obtivo un dos Premios Meliá Recoletos, que concede anualmente a Asociación de Amigos do Teatro de Valladolid e que nesa edición tamén se outorgaron a dous actores de renome e cunha ampla traxectoria profesional: Silvia Marsó e José Sacristán.

Este recoñecemento, dedicado ao teatro afeccionado, leva o nome do desaparecido fundador de Amigos do Teatro, Anxo Velasco Montoya, e concedéuselle a Airiños “pola súa fértil traxectoria ao longo de oitenta anos de difusión do teatro en galego como espello da vida que marca a súa contorna”.

O grupo rianxeiro recibiu asimesmo o Premio Alexandre Bóveda como recoñecemento á súa longa traxectoria, ou o Pedrón de Ouro, en 2013, coincidindo co 80 aniversario.

Este ano, para celebrar o seu noventa aniversario, a compañía deseñou unha programación especial que comezará o vindeiro 9 de abril cun espectáculo de Quico Cadaval e que continuará o día 16 coa presentación dun libro conmemorativo (Airiños: 90 anos de teatro do pobo). O día 22 representará a obra Rapsodia de elas e o día 23, República sideral.

EXPOSICIÓN DE VESTIARIO.

Asimesmo, o día 12 de agosto celebrará a Romaría de Verán no exterior do centro Simón Varela de Asados e haberá un roteiro teatralizado sobre a historia de Airiños, así como diversas actuacións. Do 13 ó 30 de outubro haberá unha exposición do vestiario da compañía, e o día 22 estrearase a obra As vellas non deben de namorarse, unha adaptación da peza orixinal de Castelao realizada pola directora creativa e de escena de Airiños, Amantia Coello.